Vergara Vilariño

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

SAMOS

Hoxe comparece nesta columna Fiz Vergara Vilariño, poeta falecido hai tempo, en 1997, cando cumpría corenta e cinco anos. E comparece porque o profesor Yago Rodríguez Yáñez acaba de publicar, na editorial Galaxia, unha Antoloxía poética (2019) e unha Fotobiografía (2020). Este rigorosísimo estudoso xa publicara no ano 2013 un monumental volume coa edición e o estudo da obra poética de Vergara Vilariño, quen, entre outras achegas, incorporou ao galego literario voces e xiros do seu dialecto, o louzariño (de Lóuzara, nas terras de Samos). Non sei de ningún poeta galego contemporáneo que teña suscitado unha atención tan precisa e minuciosa como a que contén esta magna monografía. Supoño que tanta erudición ten que ver coas leis da Filoloxía pero tamén coa devoción que o erudito sente polo poeta.

Eu tamén estou entre os devotos do poeta Fiz Vergara Vilariño, excelso, ás veces, en poemas que figuran entre os máis dramáticos da poesía galega. Porque a súa vida foi un drama moi duro. Unha doenza (distonía muscular) xa deformara o seu corpo e desencaixara o seu rostro na adolescencia. Cando, en 1972, con vinte anos, chegou á miña clase de Literatura no Instituto de Lugo, as palabras que emitía eran moi pouco intelixibles, eiva que foi, pouco a pouco, en aumento, tamén para o seu desespero. Polos colegas era moito máis querido que acompañado, e, en canto aos maiores (Antón Tovar, eu, Manuel María, Paco Martín...) alentamos e alimentamos os seus traballos poéticos, de notable talento. Ás veces penso que o salvou a poesía, se é certo que «a literatura é unha defensa contra as ofensas da vida», como se ten dito.

Eu teño a honra de prologar o seu primeiro libro, Pra vós, publicado na editorial Celta, de Lugo, en 1971, cando o autor cumpría 19 anos. Deste principiante afirmaba: «Do que vai ser teño unha idea moi grande». En 1976, con Orfo de ti en terra adentro consolídase como unha das grandes voces poéticas daquelas décadas. Virían, logo outros grandes libros. Da excelencia da súa poesía temos unha boa mostra nunha Antoloxía tan meditada como a que preparou o profesor Rodríguez Yáñez.