As ferrerías da Rodela, tamén preto de Campos de Vila, mais na outra beira do río Quiroga; e Rugando, entre Paradaseca e Vilarmel, pertencían ao mosteiro de Samos, que as mandou construír a finais do século XVII e comezos do XVIII. Tras a desamortización foron mercadas por particulares.
A de Rugando, nunha paraxe de beleza excepcional no río Soldón, estaba medio esborrallada. Hoxe está restaurada e convertida nunha casa de agroturismo. Da ferrería da Rodela só fican en pé os rexos muros de cantería e pedra gra, con antepeitos e balcóns de rebiricocada forxa. Na posguerra foi utilizada para producir a única enerxía eléctrica que alumaba titubeante na cociña, onde na compaña dalgunha vela, candil de gas ou de carburo, aprendíamos as contas e o catón para non sufrir os flaxelos de dona Concha, unha mestra dos tempos heroicos do Cara al Sol. A capela anexa, con un sinxelo retablo inda ergueito e e entristecido de soedade, está a piques da desfeita definitiva.