Nesta entrega vemos a amplitude dos bens vencellados ás casas principais de San Martiño e Santiago de Barbadelo, San Salvador de Rosende e San Paio e San Miguel de Piñeira, que co paso do tempo e en diferentes proporcións pasaron a integrar un área territorial especialmente circunscrita ás actuais parroquias de Santiago de Barbadelo, San Miguel de Piñeira e Santa María de Albán, con engadidos que se coñecerían como priorado de Barbadelo e que foron de Samos ata 1840, ano no que pasaron a Sarria.
Don Vermudo, superior de monxes e monxas dos mosteiros e mosteirolos da órbita de Barbadelo, coa súa xenerosa doazón pon fin a relativa autonomía dese conglomerado mosteiral que perderá poder ata chegar a un intre no que un simple capelán, case foratario de Samos, estará á fronte do que nalgún tempo foi un mosteiro (SanMartiño e San Xacobe) cabeceira dunha institución poderosa e protexida polos reis.
O pulo de Samos ao alcanzar a protección real, levará a que os mosteiros familiares creados nas ribeiras do río Barbadelo e do Loio se convirtan primeiro en granxas ao coidado dalgún frade, ata que perdendo o vencello de explotación directa pasar a ser de foratarios, manténdose a situación ata 1835. Só topónimos e algunha ermida conservan a memoria daqueles mosteiros.