Riotorto volverá a ser a capital dos artesáns do ferro

La Voz

RIOTORTO

O domingo 14 de abril celébrase a Feira da Artesanía do Ferro

08 abr 2019 . Actualizado a las 16:30 h.

Día 14 • Desde as 11.00 horas • Riotorto • O presidente da Deputación, Darío Campos; o alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias González; o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; e o presidente da Asociación de Ferreiros, José Manuel Cobo, xunto a outras autoridades, presentaron a décimo terceira Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, que se celebrará este domingo 14 e reunirá a ferreiros chegados de toda a provincia, así como de Galicia e Navarra, entre outros lugares. A presentación tivo lugar na Forxa de Lourín e, durante o acto, realizouse unha demostración en vivo de artesanía do ferro.

Campos destacou que «dende o goberno da Deputación, mantemos un firme compromiso con esta cita coa que colaboramos, realizando unha achega económica de 11.000 euros. A Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, é un evento xa asentado na nosa provincia, e cada ano atrae a milleiros de persoas ao municipio. Deste xeito, dinamizamos a economía local así como poñemos en valor un oficio tradicional, a través de numerosas actividades e con demostracións en vivo».

A Feira da Artesanía do Ferro, que reunirá a 28 ferreiros, celebrarase no recinto feiral cuberto baixo carpa, onde tamén se poderá degustar polbo e outra comida tradicional. Haberá animación musical durante toda a xornada a cargo dos Gaiteiros de Riotorto e a Charanga Louband.

Programación da feira

Ás 11.00 horas: Apertura da Feira e artesanía dos ferreiros de Riotorto e exposición de artesáns e produtos do campo. Ás 11.15 horas: demostración dos oficios de pirogravado, a cargo de Pirogravados do Norte do Concello de Ortigueira; torneado de madeira, a cargo de Roberto Figueira do Concello de Rianxo; Cestería Lito; Alfarería Aparicio de Buño e demostracións de cristal tallado e decorado, da man de Eugenio Soto. Ás 11.30 horas: presentación do libro «A idade de Ferro», do autor Xosé Salgado. Ás 12.00 horas: actuación do Coro de Riotorto. Ás 12.15 horas: inauguración oficial da XIII Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto. Ás 12.30 horas: demostracións en vivo da artesanía do ferro a cargo dos Ferreiros de Riotorto, o ferreiro austríaco Friedrich Brasmsteidl; Alberto Leis de Santiago de Compostela; o Centro de Interpretación da Forja (Forjas Brun de Navarra); o ferreiro Antonio do Corgo; ferreiros da Fonsagrada e Forxa Chao, de Santiago de Compostela. Ás 12.45 horas: obradoiros de ferro infantil, a cargo de Friedrich Brasmsteidl. Charanga Louband e animación itinerante co espectáculo de Pepe Penabade. Ás 16.30 horas: Actuación da Charanga Louband e animación itinerante con Pepe Penabade. Ás 17.00 horas: demostracións da artesanía do ferro e demostracións de oficios de Pirogravado e de torneado de madeira. Ás 19.00 horas: espectáculo infantil para os máis pequenos no atrio da Igrexa de Riotorto.