Lino Rodríguez, alcalde de Pol: «Á Festa ao Emigrante veñen agora os fillos e os netos dos que emigraron»
POL
Di que a celebración deste domingo conserva o aire dunha reunión en familia
22 ago 2025 . Actualizado a las 21:32 h.Este domingo, en Mosteiro (Pol), celébrase unha das festas máis importantes do concello en todo o ano. A Festa ao Emigrante rende homenaxe á xente que deixou Pol para vivir e traballar noutras zonas de España ou noutros países. Como se ve nesta mesma páxina o programa non é diferente ao de calquera outra festa que se celebre este mes en Galicia.
O Concello organiza a festa coa colaboración de empresarios de Pol e da Deputación. O alcalde, Lino Rodríguez, recoñece que «é unha festa demasiado grande» e engade que se espera a presenza de 1.800 persoas comendo na carballeira de Mosteiro. Se se ten en conta que a poboación de Pol, segundo o Instituto Nacional de Estatística, era o ano pasado de 1.542 habitantes, enténdense ben a importancia da festa e o esforzo do Concello para organizala.
—Antes os emigrantes volvían no verán aos seus lugares de orixe; agora, se cadra, algúns xa morreron e veñen os seus fillos e os seus netos. A unión coa terra de orixe mantense igual, por exemplo, na festa?
—Si. Hai que recoñecer que algúns emigrantes xa morreron, e agora son os seus fillos e os seus netos os que veñen. Vese que a xente se xunta para celebrar na carballeira. Non é doado preparalo todo para 1.800 persoas. Este ano incorporei ao mobiliario 1.100 cadeiras e 115 ou 120 mesas.
—O carácter de unión é básico na festa de mañá?
—Si. A xente vén porque lle gusta estar en familia. Si a xente viñese só por ver as orquestras, estaría só pola noite; pero vén, come con amigos e goza da festa.
—Son os emigrantes embaixadores de Pol polo mundo adiante?
—Si. É normal que a todo o mundo lle guste dicir que é de Pol.
—Que se pode facer hoxe para que a xente non emigre e quede en Pol?
—Non é doado. A xente marcha estudar fóra e pode atopar un traballo. É difícil telos aquí a todos, sempre haberá algúns que marchen.
—Pode axudar a Fundación Terras de Pol [creada polo Concello] a que a poboación non marche ou a que veña xente de fóra?
—Con Terras de Pol temos dous obxectivos. Un é dar servizos aos veciños: por exemplo, abrir un supermercado, que hoxe non o hai. O outro é crear postos de traballo.
—Pol está a pouco máis de vinte quilómetros de Lugo. Pode ser esa situación un importante estímulo que axude para captar poboación?
—Temos o privilexio de estar a pouco máis dun cuarto de hora de Lugo. Hoxe vivir, por exemplo, en Mosteiro e noutras zonas [do concello] significa estar ao lado de Lugo. Hai que seguir insistindo para que a xente veña vivir a Pol.
—Como se pode conseguir que haxa vivenda para esa xente que podería ir vivir a Pol?
—Necesitamos vivenda para que a xente teña onde vivir. Creo que Mosteiro sería un bo sitio. De feito, o Concello comprou uns 6.000 metros cadrados de terreo edificable. Podería xurdir algunha empresa... Para desenvolver o polígono, necesitamos o PXOM, que está parado por temas da Confederación Hidrográfica [do Miño-Sil].
ACTOS DO DOMINGO
PROGRAMA
Actividade hora
- Misa 13.00
- Pregón, a cargo de Manuel Ángel Jove Losada 13.30
- Descubrimento de placa 14.00
- Sesión vermú, amenizada polo grupo Son de festa 14.15
- Xantar popular 15.00
- Xogos infantís, tradicionais e creativos con Vingolea 16.30
- Verbena, amenizada por Los Satélites e París de Noia 23.00