Xurados

Xulio Xiz TRIBUNA

PARADELA

articipar nun xurado literario é unha experiencia única. E teño uns cantos ao longo do ano. De nenos ou de maiores, prosa ou poesía, tema xeral ou específico? E cada xurado é un sufrimento. Un procura arredar os males globais da sociedade, coidando que abondo ten cos problemas propios de cada día, deixando para os problemas sociais un resto de memoria ou de conciencia en permanente vixilia, que mantén ao espírito nun especial desacougo vital. Pois en cada xurado no que participo, ese desacougo vital faise máis patente ao comprobar como o que se supón é un divertimento ?canle íntima de expresión- resulta válvula de escape para expresar a inquedanza social do momento.

Se é un certame de maiores, e agora estou co de Paradela, aparecen amores e desamores, pobrezas e crises, angustias vitais e ansias de vivir? Ao ler os centos de traballos que proceden dos máis diversos lugares, comprobo que a expresión é moito máis ca unha terapia -escribe ou morre!-; é unha necesidade vital para ter alguén con quen falar, máis aló do espazo e do tempo.

Cando se trata de nenos, a problemática xeral céntrase no especial mundo infantil e os amores son xogos de pequenos ata que falan dos seus problemas familiares, de divorcios e abandonos, de carencias e ledicias? a lectura dos traballos presentados a un concurso é mellor radiografía ca unha enquisa perfecta, reflicte as dores sociais mellor ca o máis detallado estudo sociolóxico, e deixa ao lector mais dorido ca a alma dun confesor en tempo de precepto. Gústame o meu traballo, pero déixame descolocado, dorido, canso? entendendo que o saber é moito máis satisfactorio ca a ignorancia. Pero tamén moito máis terrible.