Crónica | Orixes dos funcionarios do Concello sarriao no século XIX O número de persoas que hoxe son precisas para o bon funcionamento municipal dista moito das poucas que traballaban na casa consistorial en 1820
03 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Na actualidade o Concello de Sarria é un destacado xerador de emprego, cun amplo número de funcionarios, traballadores e colaboradores en nómina que convirten a institución municipal nunha das empresas máis grandes da comarca. Non sempre foi así. Cando en 1820 se crea o primeiro concello constitucional de Sarria, deixando atrás a organización de Xustiza e Rexemento de Xurisdicción de Sarria, abondaba cun secretario, un oficial, un carcereiro, un veredeiro e un porteiro-alguacil para soster a tramitación administrativa do concello da cabeza do partido, co asesoramento e inspección dos concellos menores: Paradela, Reboiro, Somoza Maior de Lemos... En 1953 sendo alcalde en funcións don Alfredo López Vázquez, fíxase a plantilla provisoria concedéndolles aumento de soldo a algúns funcionarios, da seguinte maneira: cinco gardas municipais: Luis Valcárcel Méndez, Xosé López López, Antonio García González, Fernando López López e Atonio Tourón Vázquez (2.500 pesetas anuais). Estes gardas, ademáis da súa función policial encargábanse de notificacións, acendido e apagado do alumeado, apertura do macelo e da praza de abastos. Había cinco sereos municipais e de comercio: Faustino González Copa, Pedro López Saco, Arsenio Pérez Fernández, Guillermo Pérez Fernández e Francisco Aria s (1.000 pesetas anuais). Andando os anos mantívose este servizo por medio de contribucións voluntarias do comercio, e ao ser suprimido os que aguantaron entraron na policía local. Outra función existente era a de recadador de tributos, que correspondía a Xoán Sarry Buján (3.000 pesetas anuais de aumento). Funcionarios administrativos: Euxenio Quiroga Vázquez (1.500 pesetas anuais), Antonio Caldeiro Guitián (3.000), Xosé Penela Castelo (4.872) máis outras 2.500) e Manuel Vázquez Saco (3.149 máis 1.500). Era secretario don Xesús Pérez Batallón e interventor o señor Bandín Castiñeiras. En 1954, sendo alcalde don Manuel López Rodríguez, procedeuse a recoñecer os servizos previos a diversos funcionarios por servizos interinos: Xosé Penela Castelo (desde 1926), Manuel Vázquez Saco (1937), Antonio Caldeiro Guitián (1935), Xesús Mourelo Juiz (1928), María del Carmen Pardo Rodríguez (1941), Dolores Quiñoá (1942), Xoán Sarry Buján (1936), Xosé Antonio Rodríguez Díaz (1940),Luis Valcárcel Méndez (1924), Antonio Tourón Vázquez (1936), Xosé López López (1938), Antonio García González (1944), Manuel López Losada (1932), Xosé Díaz Castro (1941) e Emilio Sánchez Díaz (1944). A precariedade de locais e persoal no Concello foi a tónica xeral nas sucesivas corporacións, ao longo dos 185 anos de historia municipal. A Casa do Concello, orixinariamente no Hospital de Santo Antón, onde se mantivo entre 1820 e 1920, e despois da Casa Vaamonde, correu parella coa instalación dos xulgados, cos que tivo que compartir instalacións, razón pola que alcaldía, secretaría e oficinas presentaban un lamentable aspecto, en nada acorde coa categoría da localidade. En 1920, cando se lles comprou aos Padres Mercedarios, herdeiros de dona Concepción Ulloa, a Casa de Vaamonde, gañouse en espazo e prestanza, aínda que as comodidades eran todavía poucas, porque se mantivo a estructura interna da casa particular, só co acondicionamento dun cativo salón de sesións. Como o Concello asumía daquela funcións de quintas, abastecementos e outras intervencionistas do Estado, os espazos para atencións municipais eran escasos e na ditadura de Primo de Rivera houbo que adaptar unha oficina para o militar nomeado delegado gubernativo que controlaba a función administrativa, cunha chea de concelleiros firmóns e absentistas, nunha total perda da autonomía municipal.