O cento de mosteiros que Lugo perdeu

O historiador Xabier Moure recolle a historia dos cenobios medievais que se perderon ao longo da historia


Lugo / La Voz

O historiador lucense Xabier Moure ven de publicar no seu blogue O noso patrimonio un extenso traballo sobre os mosteiros que desapareceron en Galicia, que cifra no entorno dos 420, boa parte deles na provincia de Lugo. O historiador fala dun cento deles dos que existe algún dato ou documento sobre a súa existencia pero que hoxe están perdidos, esquecidos. Algúns destes son os seguintes.

O Mosteiro de Abadín, que «segundo a tradición, hai restos preto da igrexa parroquial de Santa María do século XII». A tradición tamén di que en Baralla, en Sobrado do Picato, houbo un mosteiro. De Antas de Ulla recóllense o Mosteiro de Penela (Penela-Cutián), o Mosteiro de Santiago de Amoexa e o Mosteiro de Vilane. En Baleira, o Mosteiro de San Pedro da Esperela, que «segundo a tradición, recollida por Amor Meilán, no ano 813, en tempos de Afonso II o Casto, librouse unha batalla entre mouros e cristiáns nas inmediacións da parroquia, no sitio que aínda hoxe en día é coñecido como O Campo da Matanza». Dous documentos confirman a existencia do cenobio, explica Moure: «un de Ordoño I, do ano 857, e outro de Afonso III, do ano 900.

En Castro de Rei resalta o Mosteiro de San Salvador de Duarría. «Nicandro Ares menciona un documento do ano 1128, conservado no Archivo Histórico Nacional (con copias no da catedral de Lugo), no que fala dun mosteiro familiar que estaría situado xunto á marxe dereita do río Rozas». Tamén houbo o Mosteiro de Orizón: Un documento do ano 1032 fala dun mosteiro, posiblemente familiar, no lugar de Irizon como limítrofe da fortaleza de Labio (Lugo) que o rei Vermudo III doa á Sé Lucense e ao seu bispo Pedro».

Castroverde tivo un rico patrimonio monacal, como a Capela de San Martiño (Bolaño), o Cellán de Mosteiro, o Mosteiro de Vilafrío (Barredo) e o Mosteiro de Santa María de Moreira, «cenobio de monxas dependente do cisterciense de Santa María de Meira». Tamén en Cervantes houbo un varios mosteiros, como o de Santa María de Dorna (Dorna). «A primeira noticia dáse na confirmación que o papa Lucio III deu ao mosteiro de Carracedo, na que Dornam segue inmeidantamente a Penamaior o que amosa que nese momento era un priorado da abadía do Bierzo, feito que se confirma no 1203, cando Afonso IX se dirixe a el directamente como monasterio Sanctae Mariae de Dorna ao eximir as súas herdades. Na actualidade atópase en ruínas, con pegotes de formigón e bloques e teito de uralita», explica Moure. Tamén fala de San Xoán de Mosteiro e do Mosteiro do Salvador de Cancelada (San Tomé de Cancelada).

No Corgo estaba o Mosteiro de San Martiño de Perliños (Arxemil), situado preto dun castro e da ponte medieval, de orixe romana, de Galiñeiros. «Risco menciona que o 20 de abril do ano 857 o rei Ordoño I doou á sé de Oviedo o cenobio xunto con dez vilas e as súas igrexas, documento confirmado no ano 900 por Afonso III». Na Fonsagrada existiu o Mosteiro de Santa María de Lamas de Moreira.

Guntín tivo un rico patrimonial, como o Mosteiro de San Fiz do Ermo, documentado a mediados do século X e que «foi obxecto de discusión entre as ordes de Santiago e a do Temple». Outro estivo na parroquia de Castelo. «Nun documento do ano 1215 cítase «eclesiam Sancti Salvatoris de monasterio de Castello», e noutro do 1238 «Moestiro de Castelo». E outro foi o Mosteiro de Santa María de Mosteiro. «Crese que houbo un mosteiro feminino polos séculos XI ao XII que pertenceu ou foi absorbido polo de Santa María de Ferreira de Pallares.

A veciña Láncara tamén estivo ben servida. O Mosteiro (Bande Susaos-Bande), mencionado en documentos do Tombo de Samos nos anos 982 e 990. Era un mosteiro feminino que foi propiedade de Leodegundia. Houbo o Mosteiro de Neira de Rapados (Vilaleo). Existiu o Mosteiro de San Salvador (A Eirexe-Toirán), e finalmente o Mosteiro de San Vicente, en Carracedo.

O municipio de Lugo tamén tivo varios mosteiros. «Existe a tradición dun chamado Convento das Doniñas que estaba a dous quilómetros da aldea de Santalla de Bóveda, no vilar de Valín, máis do cal non se coñece ningún documento», sinala Moure.

A Ermida do San Amaro (Conturiz-Santo André de Castro). Moure afirma que a tiña catalogada como torre defensiva, pero que os últimos achádegos amosan que foi unha capela que segundo os veciños formou parte dun mosteiro. Logo está o Mosteiro de Meilán, datando o seu inicio no 930. O Mosteiro de Saamasas. «No Museo Diocesano de Lugo consérvanse sete placas rectangulares e planas decoradas». O Mosteiro de San Xoán de Mera, citado por Ares Vázquez, «tratábase dun mosteiro familiar situado no que hoxe en día é Seoane Alto, anexa do Burgo». E finalmente o Mosteiro de Santalla de Fingoi. «Nun documento do ano 995 consta que unha muller de nome Faquila doa ao rei Vermudo II o mosteiro de Santalla de Fingoi con todas as súas pertenzas».

En Negueira de Muñiz estivo a Igrexa de San Salvador de Negueira, construída a finais do século XV ou principios do XVI «coa intención, dise, de que fose un mosteiro se ben non se coñece documentación ao respecto». Nas Nogais, Santo André, «dise que xunto a igrexa existiu un antigo eremitorio convertido en mosteiro e logo desaparecido».

En Outeiro de Rei, destacan o Mosteiro de Santa Euxenia de Gaioso e o Mosteiro en San Xoán de Parada. En Palas de Rei, houbo o Mosteiro de Augas Santas, «citado nunha doazón que fixo Afonso III á igrexa de Lugo no ano 897; o Mosteiro de Devesa, e o Mosteiro de Santa María de Carteire, «que nunha escritura do ano 956 do conde Osorio Vistrariz e da súa muller Teodili Pepiz faise mención aos mosteiros de Santa María de Carteire e de San Fiz do Hermo», explica Moure.

En Paradela, o Mosteiro de Santa María de Loio, Santa María de Ribalogio ou de Argentario (Cortes): «Do antigo mosteiro de orixe eremítica fundado no século VIII, vinculado ao Camiño a Santiago, só se conserva a capela románica do século X, posiblemente construída sobre outra máis antiga». E o Priorado de Santa María de Mirallos, da Encomenda de Portomarín. «A carón do Camiño Francés, tiña hospital para acoller aos peregrinos».

No Páramo, a Igrexa mosteiral de San Xoán de Friolfe, mosteiro posto baixo o padroado de San Salvador. A orixe do templo data da segunda metade do século XII. Na Pastoriza, a Igrexa de Bretoña, «templo disque situado sobre un antigo castro e sobre os alicerces dunha primitiva basílica monacal de orixe suevo-visigótica, sé da diocese de Britonia fundada polos bretóns que chegaron ás costas de Lugo no século V, dirixidos polo bispo Mailoc». En Pol, o Mosteiro de Santa María de Valonga, «absorbido polo de Meira, é citado unicamente nunha doazón feita polo rei Ordoño á sé de Oviedo o 20 de abril do ano 857». En Portomarín, o Mosteiro de Santa Mariña era feminino. Moure fala das dúbidas sobre a súa presenza e unha lenda narrada por Mero e recollida polo pai Mato.

En Ribeira de Piquín, a Igrexa-priorado dos Vaos, situada nun encaixado val. «O templo pertenceu á Orde de San Xoán de Malta, con centro en Portomarín, que administrou a parroquia ata o ano 1876». O elemento máis rechamante e enigmático do templo, sinala Xabier Moure, atópase na parede oeste do pórtico, fronte á fachada da igrexa, «onde se abre unha ventá cunha cruz latina gravada en baixorrelevo na parte superior, e por riba, empotradas na parede, expóñense cinco caveiras humanas que configuran unha posición vertical, a máis de 2,50 metros do chan, que lembra un triángulo. Ningún dos cinco cranios conserva a maxila inferior. As cinco caveiras miran á fachada da igrexa, como se duns asistentes máis ás cerimonias relixiosas se tratase». En ningún momento reciben a luz directa, aumentando así a súa lúgubre fasquía. «Nada se sabe do que poden representar. Non moi lonxe hai outras dúas igrexas con semellante simboloxía: a de Santa Comba de Órrea (Riotorto) e a de Santa María de Conforto (A Pontenova), cadansúa cunha caveira empotrada nun muro e sen a maxila inferior», relata Xabier Moure. O templo é de amplas proporcións, atópase revogado en cal, con tres naves cubertas en lousa e madeira no interior. En Riotorto, o Mosteiro de Santa Comba de Órrea, de monxas bieitas, e do que non se conservan restos. «Situado ao parecer preto da igrexa actual, pertenceu a unhas bieitas, coñecido tamén como Mosteiro de Donas», analiza o historiador lucense.

En Sarria houbo patrimonio monacal. Moure fala do Mosteiro de Barxa. Tamén do Mosteiro de Calvor, «fundado no ano 785, no lugar que ocupaba un antigo asentamento castrexo, e o arciprestre Theodonando púxoo baixo a tutela de Samos no ano 902. Do antigo cenobio só se conserva un capitel visigótico dentro da igrexa». O Mosteiro de San Paio de Cesar. O Mosteiro de Santa María de Corvelle, do que se conserva a igrexa de orixe románica. O Mosteiro de Froián ou de «Martolanes» ou «Mortolanes» (Froián). O Mosteiro de San Adrao do Monte Páramo. O Mosteiro de San Antolín. Entre o 1020 e o 1061 o abade doa a Samos o seu mosteiro con todas as posesións, entre outras «in territorio Triacastella, in villa Ranimiri, villa que comparavimus de Baltario Randiniz et hic in ipsa villa...». O Mosteiro de San Martiño. O Mosteiro de San Mateo (San Mateo-Vilapedre), «cenobio familiar posto baixo o padroado do apóstolo San Mateo, fundado o 17 de maio do 960 por Egereldo e Rósula, poñéndoo baixo a xurisdición de Samos. O lugar está ocupado por una ermida moderna». E o Mosteiro de Ramil. En Triacastela, estaba o Mosteiro de San Pedro do Ermo (A Balsa). «Ao parecer xa existía cando o conde Gatón o restaurou no ano 919».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos
Comentarios

O cento de mosteiros que Lugo perdeu