A Liga Galega arrinca en Arousa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

MEIRA

MONICA IRAGO

Tras a proba inaugural desta tarde en Boiro, o C.R. Vilaxoán será mañá o anfitrión da segunda regata da LGT-A

18 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Liga Galega de Traiñeiras arrinca esta fin de semana na que se aventura a súa tempada máis estraña polos condicionantes obrigados a raíz da pandemia do covid-19. Na categoría A, a elite autonómica masculina do barco rei do banco fixo, a botadura da LGT 2020 ten como escenario bautismal as augas da ría de Arousa, coa VI Bandeira Marina Cabo de Cruz-Concello de Boiro esta tarde, a partir das 18 horas, e coa XXVI Bandeira Concello de Vilagarcía na mañá de mañá domingo, desde as 12 no peirao de Vilaxoán. A partir de aí, nove regatas máis, con final na primeira das xornadas da Bandeira Teresa Herrera, o 29 de agosto, sendo a segunda tan só valedoira para a obtención da prestixiosa bandeira coruñesa e para a segunda e última xornada da promoción de permanencia-ascenso.

O presidente do C.R. Vilaxoán, Gelo Tarrío, presentou na mañá de onte a Bandeira Concello de Vilagarcía xunto co seu homólogo na Fundación de Deportes de Vilagarcía, Miro Serén e mais o director desta última, Juanmi Doval. Tarrío lembrou que, debido ás renuncias de Coruxo, da Cabana e de Amegrove pola pandemia, a participación na LGT-A reduciuse de 12 a 10 traiñeiras, que mañá se repartirán en función dos resultados en Boiro, onde as quendas quedaron así por sorteo: Bueu, Esteirana e Rianxo (quenda 1), Muros, Tirán e Vilaxoán (quenda 2); e Mecos, Mera, Samertolameu e Cabo da Cruz (quenda 3).

ADRIÁN BAÚLDE

C.R. Vilaxoán: O terceiro en discordia entre Tirán e Meira

A fichaxe de José Ángel Cambados, Truco, como adestrador -e remeiro- do C.R. Vilaxoán puxo o ano pasado todas as miradas no club vilagarcián. O quinto posto na clasificación final da LGT-A resultou un chisco decepcionante, en tanto se agardaba que o traballo do gran estratego do ciclo de ouro de Amegrove, que fixo campión entre o 2010 e 2012, e responsable de tres máis ca meritorios anos de Tirán na ACT, do 2015 ao 2017, servise para meter a Vilaxoán na quenda boa. 

A competición deu outra mostra de que os barcos gañadores no mundo do remo requiren de ciclos de 2-3 anos. «O obxectivo este ano é estar pelexando cos mellores e estar no máis alto», declara Truco.

O reto do Vilaxoán é rachar o binomio Tirán-Samertolameu de Meira. «Estamos un pouquiño mellor co ano pasado, pero non o saberemos ata que compitamos», di Truco. Manter o bloque do 2019, do que seguen 16 remeiros, e as fichaxes dos veteranos Amando Otero (Amegrove), Juan Carlos Martínez e Sergio Pérez (Mera) sitúan a Vilaxoán como terceiro en discordia na LGT-A 2020.

MONICA IRAGO

C.R. Mecos: Unha tripulación nova tras a saída de Fran González

Tres anos e tres terceiros postos deixaron moi alto o pavillón do Club de Remo Mecos no quen sabe se adeus ou novo ata logo de Fran González á dirección da traiñeira grovense. Porén, nin a directiva do club nin o sucesor do adestrador local, Martín Rodríguez Pol, toman como referencia a bagaxe clasificatoria de quen fixera o C.R. Mecos subcampión da ACT na tempada de creación da competición raíña a comezos de século.

O equipo peninsular inicia un curso de transición. Non só pola falta de experiencia de Prol nestas lides, estreándose na dirección dunha traiñeira tras acumular seis anos, do 2012 ao 2016 e mais o 2019, como coordinador da base do club e remar na súa bancada a Liga pasada tras dous anos sabáticos.

Máis aló diso, a traiñeira do Mecos perdeu unha ducia dos seus integrantes do 2019, incluídos 10 dos 14 titulares. Así as cousas, Prol asume que, a falta de coñecer como están os rivais logo de catro meses e medio sen competición, a súa idea é pelexar por estar na segunda quenda con Cabo B, con Mera e con Esteirana.

O remo pechou e reabre a competición deportiva oficial en Vilagarcía

Lembraba onte Doval a casualidade de que a última competición oficial disputada en Vilagarcía antes do confinamento foi a regata de bateis do 7 de marzo en Vilaxoán, sendo a de traiñeiras de mañá a primeira da era covid-19. É por iso que tanto a Fundación como o C.R. Vilaxoán lles piden aos asistentes «responsabilidade e respecto ás medidas por todos coñecidas, uso de máscaras e distancia de seguridade». Pola súa banda, as tripulacións terán acotado o seu espazo en terra, sen poder usar as duchas da instalación do Vilaxoán, con control de temperatura dos remeiros e saídas e regresos escalonados da auga.