Verónica L. Cid: «Os pícaros absorben a información musical e empápanse da súa riqueza»
LUGO CIUDAD
Leva oito anos desenvolvendo o seu proxecto, que introduciu en Lalín fai máis de dous
14 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Conta a protagonista desta entrevista, a profesora de música Verónica L. Cid, natural de Sarria (Lugo) e especializada en idades temperás, que a vida deulle de bruzos coa súa vocación e que ao comezar a traballar con cativos soubo que aí estaba o seu camiño profesional: exercer como profesora de música, pero facelo cos máis pequerrechos..
—Obviamente estudou música.
—Si. Son titulada superior en música, na especialidade de saxofón e teño formación de profesora de música en idades temperás cunha traxectoria de 8 anos. Por cuestións laborais vin para Lalín fai máis de 2 anos, e aquí estou desenvolvendo o meu proxecto en colexios, no Círculo de Recreo e tamén traballo na Escola de Música de Vilatuxe (Lalín).
—Procede dunha saga familiar de músicos.
—Non (ri). Comecei con 9 anos na Escola de Música de Sarria, e posteriormente estiven na banda da vila, pero todo foi por miña nai que considerou oportuno apuntarnos a meu irmán e a min na escola, e non foi por ningunha cuestión familiar de continuidade musical (sorrí).
—Pero, a música converteuse na súa meta profesional.
—A música púxose aí e fíxome ver a vocación. Empecei traballando en Madrid a raíz dun máster en interpretación do saxofón que cursei alí, e estiven en escolas de música. Foron horas e horas as pasadas cos cativos, ao haber estado 5 anos na capital, e alí foi onde descubrín a miña vocación, pero son galega e quixen emprender en Galicia.
—En que consiste o proxecto que está levando a cabo?
—O obxectivo do proxecto é amosar o valor que lles aporta aos cativos a música, sendo os beneficios múltiples: a nivel de desenvolvemento neuronal, matriz, da linguaxe, emocional... Os pícaros mellorarán a súa creatividade. É moi recomendable para todos os cativos.
—Como se estrutura exactamente o proxecto que está levando a cabo?
—O meu proxecto aséntase en sesións de música, que teñen unha duración dunha hora á semana, para cativos de 3 a 6 anos. Son os primeiros contactos coa música, co movemento, danza, coas cancións e permítelles aos rapaces desenvolver a audición, a creatividade e tamén a parte máis emocional. Por outra parte fai un ano comecei cunhas sesións para os máis pequerrechos, de 0 a 3 anos. Chámase música en familia xa que son bebés que acoden acompañados por un adulto, que pode ser a nai, pai... Aí as sesións son con cancións, recitados e movementos, e aínda que pódese pensar que os participantes son moi cativiños, que o son, e que pouco entenden o resultado nos revela que ao final absorben perfectamente a información musical e empápanse desa riqueza. Digamos que é comparable coa aprendizaxe da linguaxe, e é o momento axeitado para que os cativos desenvolvan a intelixencia musical. As sesións de música en familia son de 45 minutos á semana e lévoas a cabo no Círculo de Recreo de Lalín.
—Temos algunha sesión de semellante característica na zona?
—Que saiba, penso que non. Creo que é unha actividade totalmente novidosa.
—Que acollida está tendo na actualidade?
—Estou tendo unha boa acollida, sobre todo polo feito de que as familias están vendo avances nos nenos que cantan e participan activamente na actividade. Os cativos levan as cancións que cantamos aquí para as casas, e alí póñenas. Por outra parte os pais agradecen moito que existan este tipo de actividades dirixidas a idades temperás xa que non había propostas desta índole. Estou contenta de que a acollida estea a ser tan boa tanto polos nenos como polos proxenitores.
«Emprender, cando ti falo absolutamente todo, non sempre é moi fácil»
Corría o ano 2024, máis concretamente o mes de outubro, cando Verónica L. Cid se fixo emprendedora, sen pensalo moito, recoñece. «Realmente non foi unha decisión moi meditada nin consciente. Quería ofrecer esta actividade, e de maneira natural xurdiu. É certo que é bonito pero tamén duro levar un negocio propio no que é preciso xestionalo todo, tratar de que a información chegue a onde queres, levar as túas redes... Emprender, cando ti falo absolutamente todo, non sempre é moi fácil, pero non significa que non me guste o que fago (ri)».
Do que pouco dispón Verónica é de moitos momentos de lecer. Ás sesións de música e de música en familia no Círculo de Recreo de Lalín hai que engadir o seu traballo nas escolas de música de Vilatuxe (Lalín) e Silleda, ademais de impartir actividades extraescolares en centros educativos. «Na Escola de Música de Vilatuxe teño catro grupos, os máis pequeniños, iniciación á linguaxe musical de 8, 9 anos... Entre os distintos grupos de traballo teño uns 50 alumnos».
Un proxecto desta profesora lucense que pretende seguir expandindo, comenta, de cara aos vindeiros meses. «O ano pasado fixen un campamento de música no verán, e a intención é repetilo neste exercicio, e tamén estou pensando en organizar algún taller puntual para familias co obxectivo de dar a coñecer o que fago nas diferentes sesións». Traballo e proxectos que manterán a Verónica, de momento, en Lalín onde se sente cómoda e onde aprecia «moita cultura musical, e polo gusto de que os nenos vaian a música. Hai moito interese por iso pero non se chega a saber sempre o valor da música. En ocasións só se busca encher unha hora de actividade de lecer e é moito máis, e hai que concienciar á xente».