04 jun 2024 . Actualizado a las 18:56 h.

A vida faise de escollas, de pequenas e grandes decisións. Estes días estase a realizar a selectividade, na que en Galicia se xogan os soños e ansiedades de 13.000 rapaces e rapazas. O ano que vén traerá consigo un novo modelo e co cambio xurdirán de novo as voces que critican o modelo e a existencia mesma das probas externas.

As ABAU, como as oposicións, son procedementos que implican traballo e presión e decote mesmo unha dose considerable de ansiedade e sufrimento. Mais cómpre preguntarse se existe unha alternativa. No segundo dos casos coñecémola: que a escolla quede á discreción de quen teña o poder para contratar, de quen dirixa un centro ou unha empresa. Conta con maior flexibilidade para tomar a decisión, podendo tomar en consideración percepcións e características que non son as estritamente académicas, mais tamén goza da prerrogativa da arbitrariedade, da decisión por motivos de amizade ou coñecemento. Por iso seguen a ser necesarias as probas externas, porque mentres non abramos a universidade, sen límite ningún de prazas, a que cada quen estude o que queira, cómpre establecer un criterio, e por duro que sexa non semella que haxa outro máis xusto có académico. Creo que non era nin menos duro nin máis xusto aquel modelo no que o médico adoitaba ser o fillo do médico e o fillo do labrego non soñaba nin sequera con esa opción. A mobilidade social dos nosos tempos ten un prezo.

Outra cuestión diferente é por que a demanda se concentra segundo os momentos nesta ou aquela outra carreira. Non só as mudanzas sociais ou as expectativas laborais explican estes fluxos, coido que tamén conflúen ideas preconcebidas que se difunden, ás veces con pouca base. Se se respectase máis a inclinación natural de cada persoa poida que non houbese tanta frustración na escolla nin tanta tensión na nota de corte. As escollas da nosa vida non deberían movelas campañas publicitarias.