Xesús Mato é Fuxan os Ventos

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO CIUDAD

24 ene 2023 . Actualizado a las 22:25 h.

Celebramos os 90 anos de Xesús Mato e os 50 do seu Fuxan os Ventos, presentando web e libro homenaxe en Paradela e Lugo. En Paradela rematamos con Xosé Lois Foxo tocando na gaita o «Alalá do Courel», e en Lugo, con Xosé Luis Rivas-Mini cantando un anaco de «Fuxan os ventos».

O que máis sona de Mato é «Fuxan» autor de letra e música, creador e impulsor do grupo. Pero tamén promoveu vivendas para xente humilde e creou a Polifónica en Lalín… con el tivemos misas en galego na radio, Auxilia ou «Galicia canta ao Neno»; dirixiu o Orfeón Lucense e pasou 25 anos como crego da montaña. De paso, dirixiu centos de programas relixiosos na radio e asinou innumerables artigos na pensa escrita.

Con 90 anos recibe admirado o libro que percorre a súa peripecia vital, con 19 autores que o agariman, e un nutrido grupo de «matólogos» e «matófilos», entendidos en Mato e admiradores do seu labor que lle renden homenaxe. E Mato soportou estoicamente loubanzas, apertas e sinatura de libros, afirmando que non fixo máis ca ser cura, e como cura tiña que atender ás almas dos feligreses pero tamén á súa vida, os seus problemas e as súas ledicias. Coida que a súa vida foi unha graza de Deus, e que se as cousas saen ben é porque Deus considera que son cousas boas.

Afirma que os anos o retiran do mundo activo, que as homenaxes que lle facemos son un exceso… e os amigos chegamos a un acordo con el, que está cumprindo escrupulosamente: déixanos facer, sabendo que ten que «deixarse querer». Os que coñecemos a Mato, querémolo. Adolfo de Abel ten mencionado «Aquel cura que todos chamabamos Padre». Para moitos, Mato o de Fuxan, é coma un pai.