Lobos, xabarís e caos

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

LUGO CIUDAD

31 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

OComisionado asturiano para o reto demográfico, Jaime Izquierdo, sostén que o noso mundo rural de aldeas labregas vive sometido a unha bioarquía na que a bioloxía como ideoloxía manda máis que as comunidades e as súas necesidades sociais e económicas asentadas pola historia e o presente. O continuado abandono do rural ao longo das últimas seis décadas, mesturado coa proliferación da fauna ceiba ten consecuencias que veñen sendo noticia dende hai anos. As imaxes de xabarís percorrendo as rúas de cidades como Lugo ou A Coruña non chaman a atención nas vilas onde hai décadas que coñecen as súas visitas e menos aínda nas aldeas onde fozan a cotío eidos e herdades. Os ataques dos lobos ao gando comezan a ser noticia onde non eran. As compensacións non sempre chegan.

Xabarís, lobos, corzos ou bexatos reprodúcense sen couto pero con consecuencias, nunha combinación de inercia biolóxica, ausencia de persoas e actividades nun mundo rural abandonado e falta de decisión dos humanos respecto do territorio. Constátase unha asombrosa falta de políticas ao respecto substituída por unha devoción pola natureza, como se as persoas non formaran parte dela. Como se en toda Europa, incluída toda a Europa Atlántica da que forma parte Galicia e o Cantábrico, os humanos non co-evolucionaran coa natureza dende o neolítico. A mesma devoción cega que temos de sempre os europeos cando pensamos na Amazonía ou a selva africana, cunha lóxica urbana e colonial, como un espazo baleiro de persoas, como se todos os humanos que co-evolucionan tamén alí coa natureza non a estivesen seleccionando e modelando dende que alí chegaron.

A defensa da natureza e a sostibilidade como substantivo non poden ser incompatibles coas actividades humanas, senón todo o contrario. Facer posible esa compatibilidade é unha cuestión política, pero política é precisamente o que non se fai neste caso e neste país. E urxe facelo. Non pode consentirse a falta de decisión, as desculpas ou a fuxida de responsabilidades por parte do Goberno galego neste asunto. Xerar enfrontamentos nesta cuestión é o máis doado e estano conseguindo activamente, sobran liñas de fractura: campo-cidade, labregos-ambientalistas, en realidade esas liñas de fractura son máis cousa do pasado que do presente pero están a desenterrarse activamente e sumarse a outras -cazadores-animalistas- para espallar culpas e evitar actuar. O máis asombroso neste trelo é vincular a organización da fauna, da vida e da natureza coa caza. Serve para botar balóns fóra pero non para facer a política que este asunto require con urxencia para superar o caos ao que nos conduciu tanto abandono acumulado. Para isto serven os gobernos, para facer política e arranxar problemas. Pois este é un dos máis agudos e cada vez menos soterrados que afectan ao territorio galego.