Historia e arqueoloxía «divertidas» desde a Domus do Mitreo

La Voz LUGO

LUGO CIUDAD

OSCAR CELA

O Campus Terra de Lugo pon en marcha novos recursos didácticos

30 abr 2020 . Actualizado a las 15:23 h.

O Museo Universitario A Domus do Mitreo amosa ao mundo a fonda pegada que deixaron os romanos en Lugo a través dunha web interactiva que, «ademais de compilar ampla información e documentación científica relativa ao xacemento arqueolóxico que acubilla, pon a disposición do alumnado preuniversitario e de todas as persoas interesadas fichas didácticas que permiten iniciarse ou afondar no estudo da historia e da arqueoloxía de xeito divertido», segundo explican desde o Campus Terra.

A web adomusdomitreo.com ofrece a posibilidade de viaxar no tempo para somerxerse na Lucus Augusti de hai 2000 anos e de visitar a domus (casa) de luxo do centurión Legio VII Gemina Antoniniana e recadador de impostos Gaius Victorius Victorinus. As singularidades do culto a Mitra e a posibilidade de gozar dun espazo único son outras das prestacións que ofrece esta nova bitácora virtual.

Está accesible en galego, español e inglés, e proximamente incorporará a posibilidade de facer visitas guiadas en liña. Tamén conta información práctica sobre horarios, taxas... para cando volva abrir ao público.

A nova web inclúe unha ampla provisión de recursos didácticos e de lecer para cativos e mozos, con ferramentas adaptadas a diversos grupos de idade e niveis de ensino, segundo explica a directora científica, a profesora da USC na Facultade de Humanidades, Dolores Dopico Caínzos.

Guías didácticas

Este repositorio en liña inclúe guías didácticas para os docentes, planificación de visitas e obradoiros, ademais de recomendacións de traballo nas aulas. A primeira achega inclúe tres propostas: unha relacionada coa gastronomía e a elaboración de receitas da época romana, que permitirá elaborar un receitario da Domus; a ficha didáctica para alumnado de Primaria, sobre a organización da cidade romana e o recinto amurallado da capital luguesa; e para secundaria, a organización da milicia e o exército romano.