Magali e Jandro fixeron do baile a súa vida. Polas mañás ensaian e polas tardes imparten clases
03 may 2019 . Actualizado a las 08:32 h.«¡Morreriamos sen bailar!», proclaman Jandro Pallares e Magali Piedra. A súa paixón pola danza marca o paso das súas vidas. Comezaron a bailar sendo só uns mocosos e converteron as súas tardes de ensaio e risas en profesión. Hai uns días os dous bailaríns da Escola Ritmolugo proclamáronse gañadores do segundo Open Internacional de bailes caribeños (bachata, merengue, salsa portorriqueña e salsa cubana). Alí competiron man a man cos mellores bailaríns de España e Italia. E venceron. A maiores, Jandro tamén logrou o trunfo na categoría individual. Un novo fito para dous mozos que, sen ruído, pero con constancia, están logrando facerse un nome entre a elite do baile continental.
Magali tiña tres anos a primeira vez que asistiu a unha clase de baile. «Comecei con Fernando, o pai de Jandro. Era o meu profesor», conta a bailarina. O seu compañeiro, a pesar de medrar nunha familia na que a danza era a profesión de seus pais, non se mergullou nese mundo ata que tiña cinco anos. «Comecei facendo baile tradicional e cando tiña dez anos ou así empecei no baile de salón», describe Jandro.
Fernando Pallares, pai de Jandro e mestre de Magali, detectou que entre os dous alumnos podía haber química sobre a pista e animounos a bailar xuntos. Dende entón pasaron catorce anos, infinidade de horas de adestramento, sensabores, alegrías e moitos premios.
Baile sete días á semana
«Ao principio bailabamos algo de todo, faciámolo porque nos motivaba bailar, pero hai tres tempadas comezamos dentro da Federación e xa nos fomos especializando», desgrana Magali, que lembra que antes de pasarse aos sons caribeños practicaban baile retro.
Magali e Jandro viven por e para o baile. As súas xornadas comezan arredor das once da mañá, cando quedan para ensaiar un par de horas xuntos, e proseguen polas tardes coas clases que imparten aos seus alumnos e que se suceden ata ben entrada a noite. «Son moitas horas», conceden. Pero entenden que se queren estar no olimpo dos mellores, é imprescindible. «Para chegar a este nivel de competición fai falla moitísimo sacrificio. Houbo momentos de querer deixalo, tes que ser moi forte psicoloxicamente porque tamén queima», recoñece o bailarín.
Dende hai tempo teñen cravada a espiña de que non se recoñeza a súa disciplina como un deporte. «Dá rabia porque é un deporte minoritario e non está considerado coma outros. Xa non pido ao nivel do fútbol, pero si certo recoñecemento», reclama o bailarín profesional, que non dubida en restarlle horas á súa vida persoal para destinalas á pista. «Eu déixoo todo polo baile, sei que tampouco está ben, pero fágoo».
Na súa axenda anual o descanso redúcese ao mes de agosto. Entre adestramentos e clases pasan as horas de luns a sábado, e os domingos xeralmente teñen competición. Froito desta constancia chegaron os premios. Dúas veces campións de España, tres títulos galegos, o recoñecemento internacional de hai uns días, un terceiro posto o ano pasado, e tamén unha sexta praza nas olimpíadas oficiosas de baile.
Teñen un currículo propio de deportistas de elite, pero non contan con axudas. «É o que nos doe, non é fácil gañar premios e nós sempre temos que poñer do noso peto para poder ir a competir. As institucións non nos axudan a pesar de que nós representamos a Lugo a nivel mundial», reclaman.
Pero nin tan sequera esa espiña cravada é capaz de dobregar a súa paixón polo baile. «Para min cada campionato é un reto. O pasado domingo tivemos un en Cee, por exemplo, e eu fun coa mesma ilusión que a un Mundial. A min o que me motiva é bailar», sentencia Jandro.
«Antes o baile era cousa de rapazas, agora xa temos algunha clase con máis homes ca mulleres»
As tardes de Magali Piedra e Jandro Pallares transcorren en Ritmolugo, onde imparten clase xunto a outros seis mestres. Na actualidade, a escola conta con arredor de 500 alumnos, e no grupo de competición rondan os setenta. Cando os dous profesores repasan as cualidades que son necesarias para cruzar a porta da escola, téñeno claro: «O único que necesitas son ganas».
Da súa experiencia, conclúen que aos lucenses lles gusta o baile, e teñen claro que dun tempo a esta parte cada vez son máis os homes que se animan. «Antes era cousa de rapazas, o 90 % eran mulleres. Aínda hoxe aos homes lles custa máis vir, pero xa empezan a vir máis e xa temos algunha clase con máis homes ca mulleres», explican os bailaríns e mestres.
Á hora de revisar a demanda, tamén teñen claras cales son as tendencias. «O que máis está de moda é a salsa, a bachata, a kizomba», detallan. E cando repasan o que perseguen os seus alumnos cando acoden á escola, apuntan ante todo a diversión. «Hai quen vén por aprender e por facer amizades. Logo quedan a bailar os fins de semana, saen a tomar algo».