«A miña novela conta o que puido ocorrer no Courel do século I»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LUGO CIUDAD

RICARDO GROBAS

García ambientou a súa primeira obra de ficción na serra courelá, na época en que os romanos explotaban o ouro

14 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A profesora coruñesa Sonia María García García, licenciada en historia e xeografía e autora do blog Galicia milenaria, debutou o ano pasado como escritora co ensaio O libro do Courel, dedicado a un territorio co que mantén unha estreita relación desde hai anos. Agora acaba de publicarse a súa segunda obra literaria, a novela Toca. El oro de la Gallaecia, ambientada igualmente na Serra do Courel, que será presentada nas próximas feiras do libro da Coruña e Monforte. A novela presentarase tamén o 18 de agosto no bar A Cova da Moura, en Vilamor do Courel.

-¿Que relación hai entre a mina romana da Toca e súa novela?

-A historia que conta a novela está ambientada na Serra do Courel na época en que os romanos comezaron a explotar os xacementos de ouro e de ferro. No relato aparece esa mina, que é a máis importante do Courel, pero Toca é tamén o nome da protagonista, unha muller castrexa. Na novela, a mina toma o seu nome desta muller, que ten unha relación cun prefecto romano que dirixe un campamento militar cuxa misión é escavar unha mina de ouro. Non quero contar moito máis para non destripar a novela, pero xira en torno ao encontro entre os colonizadores romanos e a xente que vivía aquí. Hai como un choque entre eses grupos que algúns levan con máis man esquerda que outros.

-¿Ata que punto se axusta á realidade histórica?

-É unha obra de ficción, pero está baseada en informacións históricas e arqueolóxicas ben comprobadas. Traballo profesionalmente no campo da historia e tiven moito coidado nese aspecto, quixen ser moi fiel a todas esas fontes. Todos os lugares que aparecen na novela son reais, como a mina da Toca ou os castros de Torre e do monte Cido, moi relacionados coa minería romana. A historia transcorre no século I, en torno ao ano 30, pouco despois de que fose gravada a coñecida «táboa da hospitalidade» do Courel que se conserva no Museo Provincial de Lugo e que está datada no ano 28. Creo que as cousas que conta a novela puideron ocorrer perfectamente nesa época e neses lugares. Tamén pode ser me que equivoque en certas cousas, porque na historia nunca podemos estar totalmente seguros do que sucedeu en realidade, e máis cando se trata de épocas tan afastadas.

-O patrimonio arqueolóxico castrexo e romano do Courel aínda está moi pouco estudado. ¿Iso supúxolle moitos problemas ao escribir o libro?

-Pois a verdade é que o menos me custou foi desenvolver a ambientación histórica. Hai outros aspectos da novela que me deron moito máis traballo. É certo que no Courel non se fixeron moitas escavacións arqueolóxicas. Ata hoxe só se investigaron parcialmente uns poucos lugares, como o castro de Torre ou a mina da Toca. Pero sabemos moitas cousas sobre ese período histórico por investigacións que se fixeron noutros lugares, en moitos castros de Galicia e nas minas de ouro de Las Médulas, no Bierzo. Hai moita información sobre as sociedades castrexas, sobre a romanización de Galicia e sobre as actividades mineiras desa época. E o pouco que se escavou no Courel permite chegar a conclusións bastante concretas sobre como explotaron os romanos este territorio.

-¿A que tipo de público está dirixida esta obra?

-É unha novela para xoves e adultos. Penso que é apta para rapaces de 16 anos en diante, que xa poden entender a historia e non se van escandalizar por certas cousas. Espero que anime á xente a interesarse polo Courel. Por outro lado, os nomes dos personaxes castrexos están tomados de topónimos do Courel, así que a novela pode servir de base para unha ruta pola serra.

-O seu primeiro libro publicouse en galego pero este foi escrito en castelán. ¿Por que decidiu cambiar de idioma?

-É só por chegar a un público máis amplo. Hoxe a Serra do Courel é visitada por moita xente que vén de fóra de Galicia e non está habituada a ler en galego. Pretendo que eses lectores coñezan a historia deste territorio. Non teño nada contra o galego, senón todo o contrario. O meu primeiro libro está en galego e tamén o estará outro que estou escribindo agora.