A CIDADE da Cultura foi unha boa idea fatalmente concebida, como demostra o seu propio nome. Fomentar e promover a cultura é unha grande idea dende que os mosteiros medievais recuperaron os vellos manuscritos esquecidos, pero só a megalomanía aldeá puido concebir algo así. Imita o que outros fixeron antes, en vez de deseñar algo novo; concentra a cultura nun só espazo e só pode esgotala e dominala; reduce a cultura -como tanta veces se dixo- a uns cantos contedores marabillosos; aposta por centralizar no tempo da descentralización, a pluralidade e a rede. O primeiro paso para reformular a Cidade debe partir da crítica do que se propuña. Porque aínda que se insiste con razón en que non había previsións realistas nin contidos deseñados, máis alá da construcción dos edificios, non é certo que non houbera un proxecto detrás desta Cidade . Representaba o cumio desa cultura subvencionada e de escaparate que tan bos resultados lle deu ao PP como instrumento de lexitimación política e control cultural. Esa cultura da apariencia que gasta tanto nos foguetes que non deixa cartos para contratar orquestras. A cultura do despilfarro que atende aos que ven as luces dende casa e desatende aos que queren disfrutar da verbena. Co PP na oposición dase por fin un grande debate público sobre este asunto que de seguro non se tería producido de continuaren gobernando os ideadores da Cidade . Isto, en si mesmo, representa xa unha nova cultura. A idea de albergar no Gaiás unha grande biblioteca, unha grande hemeroteca ou un grande teatro de Galicia, entre outros grandes centros, parte dunha concepción máis que clásica xa ultrapasada do que eran os grandes referentes culturais dun Estado-nación do século XIX. E encerra dúas graves contradiccións. Unha temporal, pois esa proposta chega tarde no tempo, o que a fai dificilmente realizabel tal como está concebida. A outra política, porque quen propuña dotar a Galicia de referentes culturais propios dun Estado non acredita precisamente no país como unha nación. A imaxinación non deu para máis e ao cabo a función crea o órgano. Case todo o que se pretende crear xa foi sendo paseniñamente feito -a falta dun Estado que o promovera- pola sociedade civil e por outras instancias, dun xeito descentralizado. Pensemos por exemplo na Hemeroteca de Galicia para dármonos conta de qué falamos: Penzol na súa fundación viguesa, Filgueira e os seus predecesores no Museo de Pontevedra, os galeguistas do Seminario de Estudos Galegos en Santiago, a Biblioteca Pública de Pontevedra, a da Universidade compostelá, a Academia Galega na Coruña, a Biblioteca do Seminario de Lugo ou a eficaz Hemeroteca Municipal de Madrid, están inzados de coleccións históricas de xornais e revistas galegas de todo tipo. Existe unha hemeroteca espallada, suceptibel de centralizarse mediante novos soportes electrónicos e mesmo construírse virtualmente con enormes posibilidades para os investigadores e para a conservación do patrimonio. ¿Pero canto custa e quen decide centralizar todo isto formalmente? Sobran necesidades que cubrir e funcións de que dotar aos contedores do monte Gaiás. Falaremos.