NO OUTEIRO | O |
16 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.EVITAR a perda dos cantos tradicionais non é pouca pequena. Non só polo interese daquelas letras certeiras senón tamén polo goce de escoitalas na voz dos bos cantareiros. Non sempre se atopa a harmonía de Mini e Mero cantando A Ruy Xordo, pero acó e acolá nos nosos pobos quedan mulleres e homes que daba gusto oílos. As mulleres facíano mentres que lavaban a roupa no río ou na pía de auga fría e todos sabían como acurtar o camiño ou facer fronte ao cansazo do sol logo da sega ou da malla. Por tal motivo, se cadra cómpre alegrarse máis de que asociacións de mulleres rurais como a que preside Esther Carro, O Noso Lar da Pobra de San Xillao (Láncara), teña por unha das súas actividades a de facer xuntanza para divertirse e recuperar aqueles cantares. Fano á tardiña dos luns, en colaboración coa asociación María Castaña que preside quen tampouco perde o tempo, Isidoro Rodríguez. As cantareiras da Pobra veñen ensaiando, entre outras, o Vals de Camariñas, Na beira, O Ferreiro e un Canto da Sega recuperado grazas á memoria dunha señora de Neira de Xusá. Sen tardar, a Faustina, ben coñecida na vila, aportará unha da que tamén ten acordo.