Regina Polín: «Á xente de Guitiriz cústalle crer o potencial que hai aquí e activalo»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GUITIRIZ

SUSO PENA

Admite que o Concello e os veciños deben sumar esforzos porque en solitario acadarán menos resultados

11 mar 2018 . Actualizado a las 23:29 h.

Guitiriz está a vivir un período no que a vida local xira arredor de situacións económicas non precisamente ledas: o peche do hotel balneario ou os problemas de Ingemarga condicionan a vida do concello.

-Nun recente pleno aprobouse a elaboración dun plan estratéxico segundo unha proposta dun representante da oposición [Jordi Blengua, concelleiro non adscrito]. ¿Cre que fai falta?

-Realmente, xa había un, aprobado hai anos. Cando se faga, vai recoller as mesmas potencialidades: a auga, a pedra, a centralidade, a natureza... ¿Onde tropezamos? En que a xente queira realmente. Fomos o primeiro concello que montou un viveriro de empresas nunha zona rural. No 2011 quedou feito, cunha persoa traballando. O goberno local que entrou ese ano pechouno. Mentres os de Guitiriz non crean no potencial que teñen e se lancen a loitar por el, non se conseguirá nada.

-A boa situación xeográfica de Guitiriz, preto dos aeroportos de Alvedro e de Lavacolla e de cidades, e a riqueza do termalismo citábanse hai anos como bazas favorables. ¿Sente que quedan lonxe eses tempos?

-Si. Paréceo. Traballouse o da auga e o da pedra: mira como está o balneario, mira Ingemarga...

-Pero hai algunha xente que elixe Guitiriz para vivir aínda que non traballe aquí. ¿Non se pode Interpretar iso como un sinal de que aquí hai posibilidades?

-Hainas. Eu tento ser receptiva e loitar polo que temos, que é moito. A Ruta da Auga é unha das máis valoradas. ¿Creno os de aquí? Dinamizouse a feira de Parga en parte pola Ruta da Auga, porque a xente pasa por alí. Eu son socialista, pero traballo para todos. Se o público e o privado funcionan ben, nótase. Non pode o Concello facelo todo, nin os particulares, tampouco; pero sumando esforzos...

-Se o polígono industrial está preto da autovía do Noroeste (A-6), ¿por que non dá despegado?

-Está ben comunicado; pero non ten acceso directo á autovía, e iso condiciona [O Concello tentou varias veces que o Ministerio de Fomento construíse un acceso]. O espazo non é moi grande... En terceiro lugar, empresas que comezaron con grandes expectativas, como Frioriz ou Ferrosnet, desapareceron coa crise. Parece como se houbese mala sorte. É un cumulo de cousas, e non sabería a que atribuír todo iso. Pero repito que un dos problemas é non ter aceso directo. Houbo empresas que dicían que non indo a Teixeiro aforraban quilómetros ao día, pero que tiñan alí un mellor acceso á autovía. É un condicionante.

-¿Como ve, pois, o futuro? ¿Será bo?

-Confío en que en breve volva abrir o balneario; tamén teño grandes esperanzas en que Ingemarga recupere forza. Estamos a traballar nunha nova vía de turismo, que é o de observación astronómica: reunimos condicións, e en certos sitios de España xa se está a usar ese recurso. Xa se fixeron varias cousas, e creo que o curso de verán deste ano [un curso sobre turismo e paisaxe, incluído na programación da Universidade de Santiago de Compostela] vai ter atención a ese ámbito. Estanse potenciando as condicións saudables [a alcaldesa cita o comezo dun control de gas radón, que se presentou o venres e que se explica pola presenza dese gas no granito, tan abundante en Guitiriz]. O que máis me gusta é que a xente nova que vén aquí e a que xa había teñen a posibilidade de deixar os nenos pola mañá no colexio. O servizo de axuda no fogar é deficitario, pero espero recuperar o nivel de antes.

-¿Canto darían outros concellos por ter unha figura como a de Xosé María Díaz Castro?

-Bufff... Moito, moitísimo. Vén xente de fóra que che di ‘é moi cultural esta ruta’ [Polas parroquias dos Vilares, onde naceu o poeta, e do Buriz discorre o itinerario Ruta da auga e da pedra de Díaz Castro]. Iso aproveitaríase moi ben noutros sitios; aquí, porque comezamos o instituto [IES Díaz Castro], o Concello e [a Asociación Cultural] Xermolos. Aos guitiricenses cústalles crer o potencial que teñen e activalo.

«Son socialista, pero traballo para todos. Se o público e o privado funcionan ben, nótase»

«O polígono está ben comunicado, pero non ten acceso directo á autovía, e iso condiciona»