«Recibín unha ampla explosión de solidariedade», recoñece agradecido
25 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.DO HULA a Guitiriz, e en Guitiriz, á Casa das Palabras, onde ten boa parte do centro de operacións. Alfonso Blanco recibiu onte a alta no hospital, onde pasou nove días por un intento de envenenamento, e poucas horas despois xa estaba rodeado de libros e de papeis. «Xa tiña gañas de volver. A xente gaña saúde no seu ambiente e coa súa xente», dixo. «Vexo aquí o libro de Nimbos [coñecido poemario de Xosé María Díaz Castro, autor sobre o que ten escrito importantes traballos] e xa me sinto realizado.
-Nestes días que pasou no hospital, ¿pensou algo no futuro, deulle voltas ao que lle ocorreu?
-É un golpe que agora, en frío, che fai pensar. Hai que seguir adiante, na liña de previr estas situacións, que son froito de mil circunstancias. Recibín unha ampla explosión de solidariedade.
-Os rapaces do instituto amosaron estes días inquietude pola súa situación. ¿Emocionouno especialmente?
-Si. Prometerónme os rapaces [é titor dun grupo de ESO] que estudarían máis en homenaxe a min. Non sei se o conseguiron, pero no que queda de curso ímolo conseguir.
-¿Chegou a pensar en cambiar algo de vida, en asumir menos obrigas das que ten, que non son poucas?
-Dime o médico que cargo con cousas coas que non carga ninguén. Temos que facer un esforzo para darmos a man as institucións e os cidadáns e previrmos xuntos situacións deste tipo. Hai pais con fillos que teñen problemas de drogas e mándamos a min. Dinme que a ver se os cambio.
-Supoño que estes días, aínda que non é sorpresa nin novidade, notaría o agarimo da xente de Guitiriz, coa que convive dende hai case 40 anos.
-Si. Se queres á xente e a respectas, tamén te quere. A xente é mellor do que parece. Hai situacións desagradables, pero no fondo é boa. Xuro que ese rapaz [refírese ao que o convidou a comer e o envenenou], no fondo, é bo. Pero ás veces fas toleadas e non pensas nos demais.
-¿Que lle deu máis ánimo, pensar nos rapaces do instituto ou lembrar ao poeta Díaz Castro, que sen vostede non sería tan coñecido?
-Para min vai todo unido. A xente que le, que escoita músiaca, tende a ser máis tolerante. E no instituto vou seguir traballando: aínda que non dea clase, farei obradoiros por fóra.
-¿Non ten a sensación de que vostede é o punto de encontro de xente que dificilmente está de acordo en case nada?
-Falo con todo o mundo e sempre descubro na xente tesouros. Descubro que nas mulleres e nos homes hai marabillas, e por desgraza non as captamos.
-¿Volve con entusiasmo?
-Mais ca antes, porque vexo máis necesidade.