Os alumnos inspiráronse no mundo natural para elaborar os seus disfraces nunha actividade encadrada no programa de educación ambiental Voz Natura
22 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Os alumnos do colexio público Virxe do Monte de Cospeito renderon homenaxe á fauna e á flora no seu desfile de entroido. «Os máis pequenos, de 3 anos, converteron o patio nun xardín cheo de simpáticas xoaniñas», explica a profesora Tamara García Calaza, que coordina no centro as actividades de educación ambiental do programa Voz Natura, nas que se encadrou o festexo. «Os de 4 anos voaron como fermosas bolboretas; e os de cinco anos amosaron toda a súa forza transformados en cabaliños do demo», engade.
Ao mesmo tempo, os alumnos do primeiro ciclo de Primaria disfrazáronse de diversas especies animais en perigo de extinción para transmitir —di a docente— «unha mensaxe de respecto e coidado polo medio ambiente». Os do segundo ciclo representaron froitas de árbores autóctonas para resaltar o valor dos produtos naturais e os do terceiro inspiráronse na coñecida película Bambi, «achegando tenrura e conciencia ecolóxica á celebración», engade a profesora. Por outro lado, o alumnado de primeiro de ESO inspirouse no filme Minions; o de segundo en Alvin y las ardillas; o de terceiro, en Toy story, e o de cuarto, na serie Hora de aventuras. A xornada completouse cun chocolate quente e coa tradicional queima do Meco.
O colexio de Cospeito, por outra parte, utiliza un blog —no enderezo bibliocpivirxedomonte.blogspot.com— e as redes sociais para divulgar as súas actividades a favor a protección do protección do entorno natural e da biodiversidade. Nestas publicacións electrónicas difúndense os chamados «eco-retos», unhas iniciativas mensuais relacionadas co medio ambiente. O «eco-reto» de febreiro consistiu precisamente en elaborar os disfraces de entroido con materiais de reciclaxe. O de xaneiro centrouse na produción do hidróxeno verde ou renovable, que foi investigada e explicada por alumnos de segundo curso de ESO. En decembro organizouse un mercado solidario con materiais reciclados para axudar a un neno asturiano afectado por unha enfermidade rara e elaboráronse decoracións de Nadal típicas de varios países usando tamén elementos de refugallo. En novembro, os alumnos realizaron unha investigación sobre os cogomelos propios do seu entorno e unha exposición de réplicas de insectos elaboradas con materiais naturais, como follas secas, paus, landras e sementes. En outubro, un grupo de alumnas do centro levou a cabo unha recollida de lixo e elaborou carteis para concienciar sobre a importancia de manter limpa a contorna.
Voz Natura é un programa de La Voz de Galicia desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex. Todos os centros lucenses inscritos nesta edición participan na iniciativa Naturacción, patrocinada pola Fundación Alcoa co apoio de Alcoa San Ciprián e a colaboración da Consellería de Educación.