Walkie-talkie

María López Sández
María Sández TRIBUNA

BARALLA

27 may 2020 . Actualizado a las 08:59 h.

Sen dúbida, un dos medios máis sorprendentes e simpáticos de suplir a docencia presencial durante a pandemia foi o do CEIP de Baralla, onde se empregaron walkie-talkies para paliar as deficiencias de conexión e cobertura de parte do alumnado.

Tanto no ensino coma noutros sectores as limitacións impostas pola nova situación esixiron recorrer á imaxinación, procurando novas vías para sortear as dificultades. Xa falamos, noutra ocasión, do valor da presencialidade; mais cómpre recoñecermos, tamén, a aprendizaxe á que nos vimos obrigadas

Cando se inventou a escrita seguro que houbo quen renegaba de que se perdese a oralidade e moitos defenderían que só a través desa vía podía haber unha auténtica transmisión do coñecemento. Mais habería tamén entusiastas que lle negarían todo o valor á palabra falada, fugaz e evanescente. O mesmo aconteceu coa imprenta e con cada sucesivo invento que permitiu novas canles de comunicación e aprendizaxe. Tomando prestados a Umberto Eco os conceptos de «apocalípticos» e «integrados» podemos dicir que hai quen ve en todo cambio unha ameaza e quen, pola contra, se bota de fociños á piscina baleira considerando que o novo é necesariamente mellor.

Cada vez que houbo unha innovación integrámola: comezamos a escribir e non deixamos de falar; inventouse o cine e comezamos a contar historias en imaxes, mais non morreu a literatura. Algo así debería acontecer coa mudanza que vivimos no ensino. Aproveitemos o que aprendemos sen desprezarmos o valor que ten o que sempre fixemos: mirármonos á cara, transmitir coñecemento e moitas outras cousas marabillosas das que agora nos comezamos a decatar.