Bambi e a súa nai viven en Baralla

Camilo Lombardía colocou unha cámara e captou a vida diaria dos xabariles, xinetas, corzos, lobos e raposos no Val do Neira

A vida diaria da fauna salvaxe do Val do Neira a través dunha cámara de fototrampeo Camilo Lombardía captou o día a día dos animais deste lugar de Baralla

Baralla / La Voz

Camilo Lombardía naceu en Penarrubia, Baralla. É un afeccionado á caza que captou cunha cámara de fototrampeo a vida da fauna salvaxe que pasaba a carón dunha árbore que está situada no Val do Neira. Ademais, as imaxes captadas duran case 14 minutos e recollen a vida dos animais ao longo do ano 2019, mes a mes. A Camilo encántanlle os animais, e especialmente os cans. El ten tres setter. Este vídeo tamén é unha forma de recordar aqueles montes que serviron durante anos como zonas de paso, e que agora están pechados, abandonados e repletos de maleza.

—A que se dedica vostede?

—Eu traballo en temas forestais e relacionados ca natureza. É a miña paixón. Pensei en que había que aproveitar a tecnoloxía que temos ao noso alcance para facer algo bonito no medio natural.

—Encántanlle os animais.

—Así é. E todo se remonta á miña infancia. A cada neno gústalle unha cousa pero eu sempre tiven relación cos animais, dende que era pequeno.

—Como xurdiu a idea de gravar o vídeo?

—Decidín facelo porque considerei que a miña zona está moi frecuentada por animais salvaxes. E fíxeno cunha cámara de fototrampeo que ten un sensor e comeza a gravar cando capta o movemento. Eu programeina para que estivese alerta as 24 horas e durante todos os días do ano pasado. As gravacións son dun máximo de un minuto, que é o que permite a cámara.

—Por que no Val do Neira?

—Porque é a zona na que nacín e me criei. Coñezo moi ben o monte e tamén as costumes dos animais. Por iso, pareceume o sitio máis axeitado.

—Fáleme do traballo que hai detrás deste vídeo que dura case 14 minutos

—A cámara grava soa, pero cada 15 días aproximadamente ía ver se estaba ben, comprobar o número de vídeos e sacar a tarxeta.

—Despois chegaría o traballo de edición.

—Pois a verdade é que me levou unhas cantas horas. Editaba os vídeos pola noite e cada dúas semanas aproximadamente.

—A súa nena desfrutou de ver os corzos en primicia.

—A primeira vez que vin o vídeo da cría ca súa nai estaba ela diante. Chámase Zeltia e ten catro anos. Isto tamén é por ela, para inculcarlle ás novas xeracións os valores da natureza e tamén dos animais que viven nela.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Tags
Comentarios

Bambi e a súa nai viven en Baralla