Fillo predilecto

LUGO

Unha rúa, o nome dun instituto, o do conservatorio e o do orfeón, unha placa que identifica a casa na que viviu en Santo Domingo, unha escultura no xardín de San Roque… A presenza da figura de Xoán Montes era xa intensa na nosa cidade e vén agora completarse coa declaración de fillo predilecto. O acto tivo lugar no Círculo das Artes, outro dos espazos emblemáticos nos que quedou gardada a súa memoria, pois alí tamén puido escoitarse a súa música: foi socio da institución e exerceu nela como pianista.

A traxectoria de Xoán Montes fala de como unha vocación pode estar por riba dos condicionantes. Orfo de pai aos dez anos, entrou no seminario e, aínda que alí aprendeu as bases, a súa formación musical foi en boa medida autodidacta. Iso non lle impediu consagrar a vida enteira á música nin converterse nun dos grandes compositores galegos do século XIX. Foi contemporáneo do movemento de recuperación da literatura galega e musicou poemas de Rosalía, Curros e Pondal. De todos eles, sen dúbida, a música que puxo a «Negra sombra» foi a que máis contribuíu a facelo inmortal.

Hoxe pode dicirse que esa peza, coa letra dun dos poemas existenciais máis estremecedores da nosa literatura e coa música sublime de Xoán Montes, é un segundo himno galego. Segue a conmovernos cando xa transcorreron 127 anos da morte deste lucense único e singular, que ben merece a intensa inscrición que ten no noso espazo urbano e a consideración de fillo predilecto. Deixounos nunha noite de San Xoán, o día da súa onomástica, o mesmo día no que, tantos anos despois, a cidade de Lugo celebrou o seu recoñecemento.

Coido que hoxe Xoán Montes celebraría que a cidade conte cun conservatorio que leva o seu nome e tamén a efervescencia que está a vivir a música galega. De Xoán Montes aos creadores de hoxe, Lugo segue a recoñecerse nese fío invisible que une memoria, voz e música.