Chus Álvarez presenta en Lugo o seu primeiro conto que invita á primeira infancia «a poñerse no lugar dos demais»

Lucía Blanco
Lucía Blanco LUGO / LA VOZ

LUGO

A narradora e educadora presentou onte a súa obra.
A narradora e educadora presentou onte a súa obra. Pablo Fernández

O álbum ilustrado «Ganapán e Garabato», no que xoga coa palabra e mestura as súas tres paixóns (a educación infantil, a literatura e a interpretación), foi recoñecido pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil 

11 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Chus Álvarez sempre tivo claro que quería contar historias. E faino desde todas as súas facetas. A actriz, diplomada en Arte Dramático, filóloga cun máster en teatro e educadora infantil presentou este venres en Lugo o primeiro conto que publicou, Ganapán e Garabato, protagonizado por un gato e un can que non saben miañar nin ladrar e que aprenden, partindo desas diferenzas, a compaxinarse, compenetrarse e axudarse o un ao outro. «É algo que vexo ou teño vivido eu de pequena e son cousas que seguen pasando hoxe en día e que están no subconsciente universal. Son dúas personaxes personificadas que se senten mal, pero esa diferenza é o que os fai únicos, igual que nos seres humanos que nos enriquece. Aprenden desa diferenza e os outros animais en vez de seguir rindo deles, pensan en facer o mesmo, en xogar coma outras persoas, en poñerse no lugar dos demais», di.

A historia, que empezou para ela como un xogo, acabou unindo as súas tres paixóns: a educación infantil, a literatura e a interpretación. «Ao final é un conto non só para ser lido senón para ser contado. É un conto dramatizable para xogar en familia, porque xoga coas onomatopeas que fan os animais e tamén co riso traballando as vogais neste caso. Ten unha parte divertida de xogo coa palabra que me apetecía moito e me gusta moito cando escribo e tamén transcende un pouquiño o que é a vida do ser humano».

Esa función pedagóxica e os valores que trata fan que a obra estea funcionando moi ben nos centros educativos e que foi tamén recoñecido pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) entre os destacados de literatura infantil e xuvenil de España 2025, que edita IBBY España. As ilustracións son obra de El Primo Ramón, que conforman dous arquitectos, Borja López Cotelo e María Olmo Béjar. «Eles teñen esa liña de traballo tan elegante e o xogo coas cores, que son tons ocres, sepias, marróns, penso que lle deron moita vida ao meu texto».

O seu primeiro conto publicado

Este é o primeiro conto da coruñesa que ve a luz, aínda que xa publicara unha obra de teatro infantil en coautoría e un poemario para adultos (Encender la noche, apagar luz). «É como que non mo creo moito, paso moito tempo con moitos textos pelexando por sacalos adiante. Teño moitísimo material que levo anos mandando a editoriais e a premios literarios. Este estaba escrito desde hai sete anos», conta a escritora, quen está tremendamente agradecida pola confianza tanto dos ilustradores como de Fátima e Pablo, os editores de Pepa a Loba.

Para achegar a literatura á primeira infancia considera fundamental apoiarse en álbums ilustrados como é o seu e en textos que xoguen coas palabras, co ritmo, coa repetición e que teñan unha estrutura cun inicio, un nó e un desenlace. «Logo á hora de escribir, eu aplico a miña experiencia como narradora oral, como que insconscientemente traballo textos que se poidan dramatizar e contar en familia. Contar a historias é facer teatro en certo modo, sempre escribo pensando na posta en escena e eso o que me axuda a min», asegura Álvarez, que este sábado volve a Lugo, á Biblioteca Provincial, co seu contacontos Ollo, piollo!

Achega, ademais, a esas futuras xeracións o uso da lingua, que ela tivo que aprender na escola e na que agora tamén imparte as súas clases de teatro, pois Chus, filla de nai madrileña e pai valenciano, é a única da súa familia con sangue galega. «O que me saía de nena e de adolescente era escribir en castelán. Logo traballando coa lingua tanto para facer teatro, como locución e dobraxe estou obrigada a aprender a lingua o mellor posible e formarme constantemente. Empecei de maneira natural a escribir en galego, xurdiu cun poemario que fixen para a miña familia que curiosamente sendo de fóra xurdiu en galego. E paréceme imprescindible que os nenos e nenas lean na nosa lingua, aínda que tamén me gusta moito facer a min a tradución, aproveitando o control dos dous idiomas».

«Axuda a facer hábito lector desde pequenos»

Nun momento no que, en xeral, os cativos están cada vez más influidos polo uso de pantallas, reivindica a literatura como un xeito de vivir no aquí e no agora. «Axuda a facer hábito lector desde pequenos, na aprendizaxe da lingua e a traballar a atención plena igual que que cando ves unha obra de teatro, o teléfono móbil e as pantallas e os outros estímulos teñen que estar fóra. É un xeito de vivir o momento presente, como cando estás actuando ou dando unha clase». 

Manter o contacto visual e facer partícipe aos nenos ou nenas se están perdendo a atención, sen reñir e intentando integralos, son os segredos para que as seus espectáculos de narración oral enganchen. «Créase unha enerxía e un clima especial. Se mantés o contacto visual, o traballo coa voz, co volume, coas cadencias, co ritmo e coa sorpresa para atrapalos penso que é un dez para o traballo da lingua, da atención e da memoria», destaca.