Esta Semana Santa, intrinsecamente saudosa e tristeira, tinguiuse para min da dó da despedida do meu pai. Deixounos o mércores anterior a xoves santo e iso fixo que os actos de despedida, eses rituais tan necesarios para ir encaixando a perda, se prolongasen ata o luns de Pascua. Adoitamos identificar a morte e o adeus cos finais de ciclo, cun atardecer de outono ou co peche dunha etapa. El deixounos nunha mañá de abril, recén estreada a primavera, con días de sol coma os que a el tanto lle gustaban e polos que devecía neste último inverno cheo de friaxe e chuvia.

Deixounos como o fan tantos lucenses, no HULA, ese espazo no que a despedida se produce cada día, malia o cal sentimos con toda a forza a calidade humana do persoal sanitario. A eles debémoslles moitos anos da súa vida, xa enfermo: impecables, máis alá do profesionalmente esixible, a atención e o cariño do Centro de Saúde e do Hospital de Día, con persoas que mesmo o visitaron no cuarto no que estaba ingresado e que compartiron a nosa mágoa, achegándose mesmo ao funeral. Debémoslles tamén telo coidado e despedido con agarimo.

Eu, coma o meu irmán, nacimos no hospital de Lugo —na antiga residencia—; e agora despedimos no HULA ao noso pai. O hospital é lugar de nacemento e de morte, e por iso neles séntese máis agudamente a forza da vida. Os traballadores da saúde conviven cada día con ese fío, con esa linde; manter a humanidade lémbranos o importante que é coidarmos uns doutros. O meu pai marchou sentindo ese agradecemento, xa case incapaz de expresalo; tócanos a nós dar as grazas no seu nome. Coma ese toxo que nos acompaña no tránsito dos corredores, a vida é fermosa e ferinte, e na dor sostennos a calidez humana. Isto é o que temos: unha sanidade pública cun valor incalculable. E profesionais aos que só podemos dicir grazas.