O noso ricaz idioma utiliza o termo cabodano, para conmemorar o primeiro ano do pasamento dunha persoa, extensible a sucesivas celebracións que en tempos dependían das posibilidades económicas da familia, e do desexo manifesto de lembranzas que podían ir desde o puro agarimo ata o desexo de notoriedade para os mortos e os que quedaban. E dado o carácter fondamente relixioso dos nosos devanceiros, o cabodano viña ser ou significar a mesma celebración conmemorativa relixiosa, como unha continuación das celebracións do enterro.
Neste caso, por extensión ou repercusión, o cabodano que todos estamos lembrando coincide cos seis anos que se veñen de cumprir do noso peche colectivo diante da pandemia da Covid, que tan fondamente incidiu na nosa vida cotiá.
Os que libramos ben desta pandemia, vese que optimistas por natureza, adoitamos falar do que fixemos naquel tempo morto no interior das nosas casas para non deixarnos levar pola marea de preocupación e desánimo, sendo o último a quen escoitei comentalo o cantor Amancio Prada, este sábado, no auditorio Mato/Fuxan os Ventos, que confesou terse dedicado a profundar na obra de Bécquer e a súa conexión temática con Rosalía.
Con altos ou máis rasantes cometidos, superamos aquela dificultade, conseguindo obter algún ben da xeral desgracia. Parece que os que quedamos soubemos acomodarnos á realidade, e aproveitar algunha das súas posibilidades. Se chegamos aló, ogallá poidamos celebrar dentro de seis anos o resultado deste tempo difícil no que navegamos, no que parece que todo se concita para (sálvese quen poda) manterse a flote na situación en que unha presa de descerebrados está poñendo o noso mundo patas arriba.