Lugo crea

LUGO

06 ene 2026 . Actualizado a las 17:48 h.

Lugo pechou o ano 2025 cun feixe de premios no certame Xuventude Crea nas categorías de danza, teatro e videoxogos. Abonda con ler as palabras das persoas premiadas nas páxinas deste xornal para decatarse do conxunto de emocións —ilusión, mais tamén temor— que acompañan estes talentos novos no ámbito da produción cultural. Falan de esforzo e de esperanza, pero tamén do difícil que é viviren de algo tan fermoso, etéreo e evanescente como a danza. As súas palabras describen, tamén, ese plan B que tanta xente se ve obrigada a coidar en paralelo ás vocacións, que a miúdo se presentan coma un soño evanescente, unha miraxe no horizonte que pode deixarnos -— permítanme a metáfora un tanto anticuada— compostas e sen mozo, como se dicía antes, ou, traído a tempos máis actuais e igualitarios, con preparación e sen medio de vida.

Fronte ao éxito do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo neste certame, cos tres premios recibidos por Miguel, Uxía, Mateo e Irene, paga a pena escoitar as palabras de Uxía, quen lembra a pouca xente que adoita verse nos espectáculos de danza do Gustavo Freire, malia que ela mesma sinala que, se o público acudise, sen dúbida repetiría.

O futuro abre tempos de cambio laboral. Como tantas outras reconversións ao longo da historia, destruirase traballo nuns ámbitos e crearase noutros. Cada vez que a humanidade atopou un chisco de acougo, unha certa liberación da satisfacción das necesidades máis inmediatas, tendeu a canalizalo cara á creación de arte, de beleza, de historias e ficcións, de imaxes e ideas. Cun horizonte no que moitos traballos xa non requirirán un ser humano oito horas ao día, coido que debemos comezar a coidarmos con máis decisión o ámbito da produción cultural.

Bailemos, leamos, creemos, xoguemos ao xadrez, descubramos a natureza. En Lugo, é evidente, abunda o talento artístico. Enfrontemos o 2026 desde a arte e a creación.