Cacharro

Xulio Xiz LUGO / LA VOZ

LUGO

03 nov 2025 . Actualizado a las 18:54 h.

Paco Cacharro deixounos fisicamente hai algo más de dez anos. Non é que foramos grandes amigos, pero coido que nos caiamos ben, e que nos achegamos máis cando deixou de estar na política activa e clarificou a súa contorna persoal.

Este mércores, en Veterinaria, simbólico día e simbólico lugar, xa que se cumpren corenta e un anos do comezo das clases nesta Facultade lucense, vanse presentar catro publicacións co título xenérico de Lembrando a Cacharro, para poñer de manifesto o que a sociedade lucense recorda do que foi o primeiro espada das loitas políticas nesta terra de fráxil memoria.

Os castrexos da nosa historia inventaron o Río do Esquecemento para arredar aos invasores romanos das terras de Galicia de máis acó do Limia. Eu quero pensar que nin o Rato nin o Miño teñen a culpa de que os nosos gobernantes deixen de estar presente na actualidade, de estar vixentes na memoria, desde o momento en que deixan o cargo que exerceron.

Parece que con Cacharro é diferente e que os posibles ríos do Esquecemento que fan caducar persoas e feitos, perdidos na faramalla da actualidade política e social que nos fai dubidar de case todo, non lle afectan e agora libre das presións da política, das obrigas dos cargos, das miserias humanas, xorde a memoria do home feito a si mesmo, que deixou como legado un Lugo que se fixo a si mesmo, desde o goberno provincial.

Dixen que non fomos grandes amigos. Algo máis desde que deixou o poder. Pero estas cousas, ás veces, pasan por descoñecemento. Se o coñecera daquela como o coñezo agora, posiblemente poderíamos encaixar ben mellor.