Pepe Vázquez, de Churrería Don Pepe: «Os churros non teñen secreto, só paciencia»
LUGO
Os dóces de chocolate gañan cada vez máis terreo aos clásicos, aínda que estes seguen vendéndose máis no San Froilán
11 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Os avós de Pepe Vázquez comezaron a vender churros alá polo ano 1922. Un século despois, el mantense ao pé do canón dun negocio que xa ten preparada a seguinte xeración. Mentres, Pepe segue acudindo a diario á churrería que instala no recinto feiral do San Froilán. «Con este van 48 anos».
—Pode dicirse que vostede leva toda unha vida facendo churros e vendéndoos nas festas.
—Si, e teño feito e fago de todo. Cando empecei aprendéronme a amasar, a fritir, a vender... así que hoxe sigo facéndoo. Onde vexo que fai máis falla, eu traballo; quero que o negocio estea atendido o mellor posible.
—Cal é o truco de Churrería Don Pepe para facer os seus doces?
—Os nosos churros non teñen truco ningún, só paciencia. A receita é fariña, auga e sal, e ter un bo aceite no punto. No San Froilán podemos empregar cada día entre catro e cinco garrafas de 25 litros de aceite. Nun bo Domingo das Mozas penso que entre os dous churreiros que nos poñemos en Rodríguez Mourelo podemos vender ata 40.000 churros.
—A clientela do San Froilán segue fiel ao churro clásico ou o de chocolate ten cada vez maior aceptación?
—Do clásico véndese máis, sobre todo porque moita xente tamén os colle para o almorzo, pero é incrible a cantidade que se despacha do de chocolate, moito, moito, moito; cada ano sae máis do bañado. E este ano especialmente.
—Canta xente é necesaria para atender a churrería durante as festas?
—Pois en total estamos entre doce e trece persoas.
—E este está sendo un bo San Froilán?
—Moi bo porque se dá o escenario perfecto: fai bo tempo e polas noites fai frío. Para o noso negocio é o ideal.
—Que se lle pasa pola cabeza cando ve as ringleiras de xente que se forman diante do seu posto para mercar churros?
—O primeiro, que hai que moverse rápido para atendelos a todos, porque a min dáme rabia ter a xente agardando, e logo, pois é un orgullo.
—Terá mil anécdotas das festas...
—Cada ano dá pa súa historia, pero si. Pero sobre todo gústame moito ver como todos os días veñen pais por alí a mercarlles churros aos fillos e lles conta que xa os avós llelos mercaban a eles cando eran pequenos.