Concello e Deputación reúnense coa Protectora de Lugo para avanzar no proxecto de mellora das instalacións
LUGO

O alcalde asegura que, tras recibir o proxecto da Protectora, os técnicos municipais están a evaluar se cumpre coa lexislación dende o punto de vista urbanístico
30 abr 2025 . Actualizado a las 20:22 h.O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente da Deputación, José Tomé, mantiveron este mércores unha reunión co presidente da Protectora de Animais de Lugo, Alberto Losada, para avanzar na remodelación das actuais instalacións de Muxa. O rexidor lucense comprometeuse, según explica, a colaborar no financiamento, pero tamén a estudar e analizar o proxecto de mellora do albergue, entregado esta mesma semana pola Protectora a Fernández. Tras recibir o documento, «serán os técnicos municipais os que deberán analizar se esta solución cumpre coa lexislación, desde o punto de vista urbanístico», di o alcalde. «En calquera caso —engade— se se confirma esta viabilidade urbanística, dende o Concello abordaremos o proxecto, agardamos que en colaboración co resto das administracións implicadas».
Desde a Deputación de Lugo, o seu presidente, José Tomé, deixou claro que «o apoio e respaldo da institución provincial será total». «Mantemos o noso compromiso co Concello para a mellora das condicións da Protectora de Animais da cidade, para dar unha solución definitiva e eficaz a esta situación», insistiu. Neste sentido, tanto o alcalde como o presidente provincial coincidiron ao sinalar que «este compromiso tradúcese nunha vontade clara de cofinanciar as actuacións necesarias para a remodelación das instalacións, sempre dentro do marco legal vixente e garantindo a protección e benestar dos animais».
Un proxecto de 700.000 euros
Por último, Miguel Fernández lembrou que ao igual que os técnicos municipais están a analizar a legalidade do proxecto, presentado ao Concello e valorado en preto de 700.000 euros, este debe contar co visto bo do resto de administracións implicadas, como é o caso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Polo de agora, asegura, estase a determinar principalmente que sexa viable desde o punto de vista urbanístico.