Bloquear

Xulio Xiz LUGO / LA VOZ

LUGO

22 ene 2025 . Actualizado a las 13:55 h.

Para os rapaces é doado entender o que significa «bloquear», termo que manexan coa soltura do cotián, pero para os maiores é máis complexo.

Cando apareceu o BNG, entre os mozos era habitual o de «Bota bloque!» que se supoñía aviso entre albaneis para subministrar material de construción, para xogar coa semellanza fónica da petición do voto para a nova formación. Secular resulta chamar «bloqueo» aos asedios, cercos ou obstrucións, e de que os países de similar ideoloxía ou identidade xeográfica conformen bloques para confrontar pacificamente ou polas bravas as súas diferenzas cos do signo contrario. Se «bloquear» na actualidade segue a significar cortar o paso no mundo real, tamén é así na vida virtual na que todos nos mergullamos, e na que esta correspondencia resulta potenciada pola tecnoloxía.

Na vida real non se me ocorrería cortarlle o paso a ninguén, asediar ou cercar, mentres que o bloqueo virtual non produce sensación de propasarse cando se trata de chamadas indesexadas, inoportunas e, ás veces, intempestivas

Levo trinta anos manexando rudimentariamente o móbil, ampliando pouco a pouco o uso das súas capacidades técnicas, e nunca ata agora bloqueara a ninguén. Xa teño o primeiro bloqueado no teléfono e no WhatsApp, e a sensación ao principio foi estraña, pero logo produce a tranquilidade do fío ao fin cortado, de romper cun contacto que se sabe non vai ter nada frutífero. E como a vida diaria proporciona centos de fiestras ás que asomarse e ver o sol ou gozar do aire, pechar unha que nunca sabes o que vas ver, se é un mal, é un mal menor.