Fume

María López Sández
María L. Sández LUGO / LA VOZ

LUGO

29 oct 2024 . Actualizado a las 19:19 h.

Ás veces, no medio do ruído e da furia, cómpre tomarmos a distancia que permite valorar as cousas na súa xusta medida e distinguirmos o gran da palla. Hai 100 anos, en 1924, houbo acontecementos significativos que merecen ser lembrados e é un exercicio moi saudable facelo no medio deste balbordo de feitos recentes dos que ninguén se acordará cando pase outro século.

En 1924 botaron a andar as Escolas do Insiño Galego. Desde a creación das Irmandades da Fala, en 1916, xestábase conciencia da necesidade de galeguizar o ensino e moitos artigos publicados no órgano das Irmandades, A Nosa Terra, foron preparando o terreo. Entre os ideólogos, cómpre destacar a Vicente Risco, que publicou o plan pedagóxico para a galeguización das escolas, e a Xoán Vicente Viqueira. No ano en que as «escolas do insiño galego» botaron a andar faleceu prematuramente este último, polo que tamén estamos no aniversario do seu pasamento.

As escolas contaron co financiamento de socios que achegaban contribucións a partir de dúas pesetas, o que, segundo se di nun número de A Nosa Terra, equivalía a catro cigarros que acabarían convertidos en fume. Os impulsores do proxecto aspiraban a construíren algo que perdurase no tempo. Pasaron 100 anos e, entre medias, unha guerra que truncou os soños e a vida de Ánxel Casal, mestre nas escola, e de Pedro Galán Calvete, un alumno formado nas súas aulas e que chegou a dirixir as mocidades galeguistas.

De nós depende que as leccións do pasado perduren outro século ou, coma o fume deses cigarros dos que falaban os galeguistas de entón, se esparexan ao vento.