Vulnerabilidade

LUGO

06 ago 2024 . Actualizado a las 16:57 h.

Un dos aspectos que máis nos define como seres humanos é o noso comportamento cos demais. No caso das relacións de poder, por exemplo, recoñecememos a grandeza dunha actitude respectuosa, atenta e coidadosa cara a quen é máis vulnerable ou está baixo a nosa autoridade, aínda maior cando se acompaña de firmeza ante quen exerce poder sobre nós. Poño por caso: un director ou directora dun centro de menores que non só vela polos nenos e rapazas do seu centro, senón que se enfronta aos poderes políticos para obter para eles máis medios e recursos. Do mesmo xeito, deploramos a estirpe miserable de quen actúa en sentido contrario: servil cos de arriba e déspota, tiránico e sádico cos de abaixo.

Son múltiples as profesións que nos poñen na disxuntiva de transitar por un ou outro camiño e mesmo se pode dicir que toda persoa, na súa vida, se ve conminada a escoller cal é a súa actitude nos termos aquí descritos e que esta vara de medir é un bo medio de determinar o que vale un ser humano.

Todo isto vén ao fío das novas arrepiantes sobre ese centro de menores no que, supostamente, internos de 13 e 14 anos recibían queimaduras, maltrato e vexacións, unha historia que evoca tantas outras de internados, prisións ou outros espazos do espanto. Ser neno ou moza é, de seu, un xeito de vulnerabilidade; selo nun centro de menores aínda máis. E toda vulnerabilidade esperta, nos miserables, o afán de abuso, o exercicio do poder despótico. Cómpre abrirmos a ferida e depurarmos o acontecido. Mais o autenticamente insoportable, para min, sería descubrir que persoas que son quen deses extremos chegaron a esa profesión dun xeito vocacional, movidos por un afán de axuda, que adoita ser o perfil deste tipo de traballadores. Coido que iso si sería a plasmación mesma da degradación, do torcimento absoluto da alma humana. Do horror.