Un barco varado nunha praia ao Sur dunha illa. A imaxe ben podería ilustrar unha daquelas novelas de aventuras e piratas do século XIX ou outra, de misterio, ao estilo Agatha Christie. A illa, coa súa contención, é sempre un espazo especialmente suxerente, un microcosmos, unha condensación do mundo.
Nesta ocasión, a trama é, máis ben, de corte científico e a misión do barco está vencellada ao coidado e a preservación do medioambiente; mais coido que segue a ser válido ese papel exemplar da illa como mostra do que pode acontecer a nivel global. A misión é ambiciosa: erradicar as especies alóctonas do noso Parque Nacional das Illas Atlánticas, desde as Cíes e as Ons ata Sálvora, nun intento de eliminar os eucaliptos e repoboar con especies autóctonas.
En Sálvora ambientei eu a miña novela O faro escuro e teño lembranzas inesquecibles dun tempo no que aínda había fareira e fareiros aló; prados enteiros de herba de namorar nos que tombarse era unha experiencia indescritible. Mais as illas non permanecen alleas ao que acontece no mundo: as costas inzáronse de unlla de gato e a marea devastadora de eucaliptos que arrasa Galicia tamén contaminou as Illas Atlánticas.
Son máis de cinco millóns de euros para un proxecto que integra tamén a illa irlandesa de Eire e La Graciosa, nas Canarias, cun 75% de subvención da Unión Europea. Aínda que sexa nun microcosmos, é un ilusionante campo de experimentación. Malia que se limite ás nosas pequenas illas, tendidas no Atlántico, poderemos realmente ter a ilusión de que o dano pode reverterse. Haberá algún día unha segunda oportunidade para o conxunto do territorio galego? Toda unha metáfora significativa mesmo para o problema da emerxencia climática. Xa temos tres puntos de verde optimismo sobre o manto azul do océano.