Un escritor lucense leva a Alemaña a defensa da cultura e o rural galegos

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Manuel Vázquez, na presentación da novela en Lugo
Manuel Vázquez, na presentación da novela en Lugo ALBERTO LÓPEZ

Manuel Vázquez presenta o día 27 en Berlín «O pracer da chuvia»

23 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xoves 27 • 18.30 horas • Libraría-Espazo Cultural Andenbuch, Berlín, Alemaña • 

A defensa da cultura e o rural galegos chegan a Alemaña grazas ao traballo de Manuel Vázquez, escritor do Albar (Valonga, Pol) e celador no HULA, que presentará en Berlín a súa primeira novela, O pracer da chuvia (Editorial Medulia, 2023), con prólogo de Xesús Trashorras. O acto está organizado pola asociación cultural De Berlín Son.

  O autor está agradecido e ilusionado coa presentación: «A libraría-espazo cultural Andenbuch trátame cunha deferencia e xenerosidade que son de agradecer», explica. Ademais, engade que «toda presentación é un reto no que intentamos (en plural, porque traballo apoiado polo grupo creativo #osnabosdegracián) conectar e interactuar co público. En Berlín faremos algo diferente. O lugar, a Librería Espazo Cultural Andenbuch , ofrece moitas posibilidades, e a Asociación Cultural De Berlín Son merece que nos esforcemos. Tamén porque cada unha das tres presentacións que fixemos foi diferente», engade.

A novela mergúllase na esencia de Galicia, viaxando entre o pasado e o presente, entre o rural e o urbano, entre personaxes anónimos, pero que dan vida á historia de Galicia... O autor busca defender o herdo cultural, o rural e a cultura labrega, ademais de aportar ferramentas para afrontar o autoodio dos galegos.