Ás veces unha nova morte non é outra morte calquera. Sen sabermos moi ben por que, entre as ducias e ducias de asasinatos por violencia machista ocorridos cada ano, algúns fican gravados a ferro na memoria colectiva. Pasou, hai xa 26 anos, co de Ana Orantes. No seu caso hai case un valor fundacional, porque foi a primeira en acadar unha difusión e impacto que trouxo consigo unha mudanza na percepción da violencia de xénero. Moitos lembramos o seu arrepiante testemuño, en televisión, uns días antes de que acabasen con ela, queimada, como nunha espantosa caza de bruxas.

Mais Ana Vanessa semella chamada, tamén, a ficar no noso amplo e inadmisible repertorio de mortes, unha macabra sucesión de rostros que nos ollan, paradoxalmente sorrintes, desde as fotos publicadas logo do seu asasinato. Puidemos vela, nestas mesmas páxinas, abrazada a un can que apoiaba, confiado, a cabeza no seu van, mentres ela termaba dela co brazo. A súa sensibilidade cara aos animais abandonados e maltratados humanízaa, fainos sentir en que medida, como sociedade, non somos quen de protexer aos vulnerables. E, así, engadimos unha doa máis a esta cadea de lume.

Fica aínda moito camiño por diante. Oitenta nenas veñen de seren envelenadas en sendos colexios de Afganistán nun intento de impor, pola forza, a prohibición dos talibáns de que as mulleres accedan á educación secundaria e universitaria. Queren ternos controladas. Mortes coma estas, aparentemente inconexas, están unidas por fíos invisibles e comparten un mesmo trasfondo. De xeito colectivo e institucionalizado, ou individualmente, estannos a enviar unha mensaxe. Moitos non nos queren ceibes. Teñen un medo atroz á nosa liberdade. E moitas están morrendo, en colexios afganos ou nas rúas de calquera país europeo, porque prefiren ser, nas verbas de Castelao, «denantes mortas ca escravas».