Entelequias

LUGO

Nos albores desta primavera tan agardada que semella abrir o ano electoral oímos falar da intermodal e asistimos a recreacións que nola presentan coma se, de feito, xa existise, coas súas 23 dársenas e a súa cuberta moderna, evocadora da forma dun avión. Trátase, sen dúbida, dun claro exemplo de como o mundo virtual e os soños serven para compensarnos das carencias da realidade, porque o certo é que nestes intres Lugo segue a ser a cidade galega peor comunicada, desde a que máis leva trasladarse para coller un avión e a que, por se os males non fosen suficientes, viu tamén truncada a súa comunicación coa meseta pola caída dunha ponte que, se nos atemos aos escasos avances e descartamos a posibilidade de que nos estean a tomar por paifocos, semella imposible de amañar.

En tempos nos que Galicia triplicou infraestruturas, de transporte e doutra caste, Lugo permaneceu á marxe. As persoas que nos desprazamos decote a Santiago sabemos ben o que iso representa. Calquera outra cidade galega está a menos dunha hora da capital por estrada e conta, ademais, desde hai uns anos, con boa comunicación por tren; máis no noso caso a cuestión é diferente, vai ti saber por qué, o cal ten infinitas consecuencias nunha e outra dirección.

Quédanos o campus Terra. E máis nos vale coidalo. Pero mesmo para iso cómpre mellorarmos as comunicacións. Unha rapaza de Vilagarcía ten que ter moita vocación para vir estudar aquí, o que, sen dúbida, só se producirá no caso de que a titulación sexa exclusiva de Lugo no marco galego e de corte vocacional (por exemplo veterinaria, buque insignia do campus) ou cando a nota de corte dos estudos escollidos sexa máis alta noutras cidades. Urxe, pois, que estas entelequias de primavera non se eslúan no aire coas primeiras néboas do outono, ficando, como tantas veces, coma unha miraxe enxergada no medio do deserto. Suponse que a autovía Santiago-Lugo estará rematada no ano 2024. Ao final todas as promesas conflúen aí, no horizonte. A ver se non recúan a medida que nos achegamos.