Mero Iglesias: «Fuxan os Ventos deixou de ter compromiso social, por iso o deixamos Mini e eu»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

LUGO

Mero Iglesias, exintegrante de Fuxan os ventos.
Mero Iglesias, exintegrante de Fuxan os ventos. MARCOS MÍGUEZ

O exintegrante do grupo galego rememora a historia da banda no seu libro «Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío»

28 feb 2023 . Actualizado a las 21:11 h.

Mero Iglesias, un dos fundadores do emblemático grupo Fuxan os Ventos, fai unha revisión persoal da traxectoria da banda no seu libro «Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío», xa á venda en librarías.

—Que novidades recolle neste libro sobre Fuxan os Ventos?

—Eu conto a miña versión dos feitos, porque penso que se esqueceu boa parte da nosa historia. Cando marchamos Mini e máis eu no ano 83 foi cando desapareceu o verdadeiro propósito de Fuxan os Ventos, o que loitaba por Galicia. Despois disto, houbo un cambio de temón, e analizo o que me pareceu neste libro, no que aporto moita documentación sobre o grupo que eramos entón.

—Que supuxo Fuxan os Ventos para vostede?

—Foi un grupo máxico, pero o do comezo, os que estabamos implicados en instaurar unha democracia no noso país e en loitar pola nosa lingua e a nosa cultura. Nós queriamos ser unha banda reivindicativa, e ese obxectivo foi desaparecendo co paso dos anos. Penso que houbo moitos silencios.

—Que é o que queda por contar?

—Que o grupo deixou de ter compromiso social e comezou a comercializar a música que faciamos. Ese foi o motivo polo que Mini e eu abandonamos, e o certo é que foi unha separación traumática. Non quero ofender a ninguén, pero conto as cousas como son, e os que non formaron parte do grupo non poden opinar. Contei con todo o apoio de Xesús Mato, que é un gran amigo meu. Rememorar todo o vivido foi duro, porque remover momentos pouco agradables non gusta, pero é necesario facelo.

—E, na actualidade, que lugar ocupa a música na súa vida?

—Despois fundamos A Quenlla e continuamos defendendo todas aquelas causas socais que nos perecían xustas. A música nunca terminaou para min, sigo exercendo como músico e penso que sempre vai estar presente na miña vida.

—A quen vai dirixido entón este libro?

—A todos os interesados en coñecer a historia de Fuxan. É unha revisión amarga, pero é a verdade, polo menos a miña, e aínda queda moito polo que loitar.