Prácticas da vida

LUGO

09 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

De camiño a casa no meu último día de prácticas, penso no afortunada que son por ter escollido a profesión de xornalista. O comezo foi duro, tiña medo, non podo mentir, pero levo o mellor recordo posible do meu primeiro contacto co mundo laboral. Só dous meses me fixeron falta para darme conta de que o máis importante nesta vida é o amor cara o que fas.

Equivoqueime moitas veces. Pero aprendín outras tantas. Como a vida mesma. Recorrín a provincia coñecendo xente, lugares e historias que quedan para sempre no meu corazón. Nunca esquecerei a ilusión de publicar por primeira vez, nin a satisfacción de poder axudar con palabras a quen desinteresadamente nos abre as portas da súa vida. Entendín que o xornalismo segue tendo o poder de cambiar o mundo, por moito que nos intenten convencer do contrario.

Recoñezo que tiven sorte porque me tocaron os mellores compañeiros. Sería egoísta non darlles as grazas por todo o que me ensinaron. Quedo coa súa profesionalidade, coas súas ganas por facer ben un traballo que a maioría das veces non se valora. Con eles coñecín o verdadeiro significado da palabra vocación. Xornalistas de pés a cabeza, loitan por demostrar que a súa profesión é tan válida coma calquera outra.

Experimentei retos a nivel profesional, tamén persoal. Foron momentos de reflexionar sobre o futuro, ese que tanto asusta, ou sobre o que tanto nos asustan. Sirvo para ser xornalista? Esa pregunta roldaba en min todos os días. Aínda coas bágoas nos ollos despois da experiencia deste verán, conclúo que, con ganas e actitude, todos valemos para o que nos propoñamos.