A noticia dos millóns de pesetas atopados en caixas de Nesquik nunha casa de Sober recibiu unha ampla cobertura mediática non só galega, senón estatal. A humildade do envoltorio, a inutilidade do último achádego cando xa o banco de España non cambia pesetas, a figura evocada dese tratante de gando que peso a peso foi reunindo, agochando e diseminando a pequena fortuna que lle daba seguridade, ten unha innegable forza e mesmo algo de arquetípico. Pero creo que non invoca a imaxe dun avaro coma o de Molière, nin un Scrooge coma o de Dickens. A min faime pensar nun esquío, que chouta aquí e alá para enterrar noces, moitas das cales nunca volverá atopar, mais que serán un auténtico tesouro en tempos de carestía e que, quizais, lle permiten sentir que habita unha terra preñada de tesouros.
Cando era nena escoitaba con incredulidade historias de anciáns que agochaban cartos debaixo do colchón, ou de mulleres que daban a luz nas casas por medo a que lles cambiasen o pequeno. Eu vivía na idade da inocencia, que diría Edith Wharton. Logo soubemos de nenos roubados, de estafas bancarias -unhas fraudulentas e outras legais- e comprendín mellor aos nosos vellos. Aquí, en Galicia, fomos posmodernos avant-la-lettre. A nosa retranca é fondamente posmoderna: a arma de quen non confía, de quen é escéptico, de quen se protexe.
A min espértame tenrura a sombra evocada dese home de Sober. E non, non perdeu os cartos, obtivo deles seguridade e conforto, sabendo que estaban aí, espallados e escondidos, cada noite. Durmiría coma o esquío na árbore, arrequecido pola proximidade do tesouro, sen ter que consultar a evolución da bolsa e confiando só nos recursos propios. Así que o imaxino feliz, cada noite, preparando unha cunca de leite con Nesquik antes de ir para a cama.