Novo curso

MARÍA L. SÁNDEZ

LUGO

30 ago 2022 . Actualizado a las 19:58 h.

Aínda estamos despedindo agosto e xa se nos bota enriba un novo curso que comeza este ano apenas encetado setembro e que, coa aplicación da LOMLOE, promete traer novidades.

Algunhas das máis visibles, das que máis transcenden á sociedade, xa se deixaron sentir o ano pasado co reaxuste do calendario de avaliacións. Unha primeira lectura dos currículos LOMLOE para Galicia deixa, para aqueles que xa vivimos a implantación da LOXSE e logo a da LOMCE, unha estraña sensación de déjà-vu.

Engadiuse a competencia plurilingüe, mais intuímos que a erradicación dos prexuízos lingüísticos segue igual de lonxe ca antes e existe un perigo real de que a perda de falantes da nosa lingua siga o seu avance. Ponse o foco, como xa se facía nos currículos anteriores, na educación para a paz, mentres en Europa vivimos a violencia da guerra; no consumo responsable para a transición ecolóxica, mentres o medo á crise enerxética leva a sociedade a recuperar os combustibles fósiles contaminantes; na educación para a igualdade, mentres as cifras falan dun aumento da violencia de xénero tamén entre a xente nova.