A importancia do contexto

María L. Sández LUGO / LA VOZ

LUGO

22 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días Lugo, coma moitas outras cidades galegas, acolle opositores de educación. Para eles, nunha parte das probas, insístese na importancia do contexto, na necesidade de teren en conta os recursos da contorna e o espazo natural e social que rodea os nenos ou rapazas ás que han de ensinar. A globalización estanos amosando, dolorosamente, que borrarmos o espazo e os xeitos de habitar o territorio repentinamente nin é doado nin carece de consecuencias.

Teño para min que o que está a acontecer con moitas das nosas infraestruturas ten que ver con este problema. Unha ponte que se estraga; a interminable construción da autovía Santiago-Lugo; outra estrada que hai que pechar cada pouco porque non se tivo en conta a néboa ao facer o trazado; o Colexio Universitario de Lugo, no que eu comecei os meus estudos (e que foi inaugurado pouco antes), dolorosamente pechado coma unha pantasma por un erro construtivo; unha facultade de farmacia en Santiago convertida en almacén de bicicletas porque sofre risco de derrubamento; edificios públicos nos que chove dentro porque seica os proxectos estaban pensados para Andalucía…

Alguén confundiu a idea de que o saber non ocupa lugar coa de que o saber é independente do lugar. Velaí están as pontes romanas, a muralla, as pirámides, en tempos nos que non había facultades de enxeñaría nin máquinas para complexos cálculos ou probas de resistencia. É posible que alguén deseñase unha ponte que pasa por Pedrafita sen ter en conta o peso da neve ou o poder destrutivo dos materiais antixeo? Pregúntome a que proba de estrés a someteron. Quizais a unha procesión do Rocío con taconeo de sevillanas? As eleccións andaluzas deixaron algún dato para reflexionarmos sobre esta cuestión e para demostrar que se equivoca quen pensa que o que vale para un sitio ha de valer para outro. Os lugares son teimudos cando se trata de reclamaren respecto e atención.