Escolas de vida

María L. Sández TRIBUNA

LUGO

03 may 2022 . Actualizado a las 22:28 h.

Os centros escolares son pequenos microcosmos nos que se presentan, condensadas, todas as cuestións que están na sociedade. O que dicía Miss Marple, ese entrañable personaxe de Agatha Christie, sobre a súa vila, St. Mary Mead, podería dicirse de calquera escola: nela contense o mundo todo.

Estes días están a chegar aos colexios os primeiros nenos ucraínos, que deben adaptarse a un novo contexto e mergullarse nunha lingua, cultura e contexto novos e todo iso no medio da confusión que, sen dúbida, teñen que vivir por un truncamento súpeto das súas vidas. Algo así como se calquera de nós espertase un día na colonia dun planeta a anos luz da Terra. Ademais, nesas mesmas escolas continúan os procesos de integración de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, con doenzas crónicas, con problemas e sociais que, menos visibles ca outras circunstancias, tamén determinan o seu lugar dentro do microcosmos. E velaí os están, nese pote buligante de vida, onde conviven amizade e tenrura con bullying e frustración e aaprendizaxe e a ilusión se mesturan coa desesperanza e o sufrimento.

O ensino non é só o espello que reflicte a sociedade, tamén é o laboratorio no que se forxan os trocos. Poida que ningún outro contexto teña esta capacidade para modular o que queremos ser, cara a onde queremos camiñar. Por iso cómpre facermos todo o esforzo que se poida para que sexa, a ser posible, mellor ca nós mesmos: máis tolerante, máis plurilingüe, máis acolledor. Porque en St. Mary Mead tamén houbo de todo: alí naceu unha lúcida anciá capaz de interpretar a negrura do corazón humano; mais a aldea tamén albergou o crime e a crueldade. Coma o mundo mesmo.