E van tres

María L. Sández LUGO

LUGO

11 ene 2022 . Actualizado a las 19:57 h.

Comeza 2022 e, se non contamos os últimos días de 2019 nos que oímos falar por primeira vez do novo virus, abrimos o terceiro ano marcado pola pandemia. Van tres, e seis ondas, con cifras récord de contaxios. E tamén tres ataques, nun mes, no Centro de Saúde de Fingoi. É comprensible o cansazo da poboación, e máis aínda dos traballadores da saúde. Pero, tras esas pedras e paus que cospen rabia contra a situación, contra as restricións e poida que contra o sistema, agóchase tamén a tendencia a exacerbar situacións, a extremar posicionamentos e a xerar antagonismos irreconciliables.

Creo que todos temos asistido nos últimos meses a discusións máis ou menos acedas. Unha amiga advertiume, para que eu tomase a decisión de se quedabamos ou non para tomar algo nunha terraza, que ela non estaba vacinada. Polo visto a semana anterior alguén vetara a súa presenza nunha situación semellante e a cuestión derivara nunha discusión desagradable. Ante a posibilidade dun xantar de nadal ao que lle gustaría asistir porque se despedía a compañeiros que se xubilaban -e que logo se viu suspendido- non sabía que facer, porque tampouco quería ter que informar a todos no traballo de que non estaba vacinada. Sentíase illada, cuestionada e contra as cordas.

Eu, que xa puxen a terceira dose, tomei, claro está, ese café, porque máis medo có virus dámo a intolerancia, as liñas imaxinarias que dividen as sociedades e que xa en non poucas ocasións teñen virado en liñas físicas e reais, en guetos e en exclusións. A loita contra a pandemia e a xeración dun consenso maioritario sobre liñas de actuación non debe en ningún caso derivar en exclusións e odios. Ou acabaremos con rellas nos centros de saúde e nas nosas propias casas e mentes. Dicían que desta sairiamos máis fortes; conformémonos con non saír máis divididos.