Como nun veloz carrusel, aquí está de novo o 25 de novembro e axiña, nun suspiro, volverá ser Nadal. E, mentres xira, os cabaliños soben e baixan, mantendo a súa cadencia, ao son da música do tempo. O ano pasado as restricións para o Nadal eran unha certeza; mais nesta ocasión achegámonos ao fin de ano tras un período de acougo, aínda que coa sombra dunha nova escalada no horizonte. Así que, como nunha montaña rusa, logo dun pequeno treito de avance tranquilo comezamos a intuír o ascenso vertixinoso, que nos toca de preto e nos quita o alento, porque aquí viaxamos todos no mesmo barco.
Tomemos aire, neste novo 25 de novembro, unha data xa consolidada, coma o 8 de marzo, na loita pola da igualdade. Mais, se o 8 de marzo pon o foco no eido laboral, esta outra efeméride faino nun asunto máis brutal: a violencia de xénero. Que siga a exercerse, que siga a haber persoas que sofren no seu propio fogar o menosprezo, a humillación ou a violencia física, é algo que ten que doernos e indignarnos a todas as persoas que compartimos o carrusel da vida.
E mentres xiramos cara a ese intre máxico que é como unha explosión de luz no corazón do inverno, avísannos de que soben os prezos; alértannos de que a viaxe vai custar aínda máis, e por iso algúns terán que afrouxarlle a luz ao seu cabalo, agarrarse á esperanza de que a enerxía abonde para seguiren subindo e baixando e non ficar inmóbiles. E ao mellor outros subimos a música para non oírmos que algún chora e para non escoitarmos as voces que repiten aquela viñeta do inmortal Quino na que Mafalda, dicía: «Que paren o mundo, que me apeo».