Luz e hora

LUGO

O vindeiro sábado volveremos vivir ese ritual do cambio de hora que marca, case coa forza do acontecemento cósmico do solsticio, un cambio de etapa nesta nosa vivencia do ciclo anual. A perda repentina dunha hora de luz nas tardes fai que, de súpeto, notemos máis o frío e sintamos a necesidade de recollérmonos máis cedo e de recuperarmos os caldos e as sopas e o arrecendo das castañas asadas.

Vense falando, desde hai anos, de renunciarmos a este arbitrario movemento do reloxo e os defensores desta tese esgrimen todo tipo de argumentos (mesmo médicos) que avalarían está renuncia. O resultado sería ficar coa hora que agora chamamos de inverno, pois é ben sabido que temos un importante desfase con respecto ao resto do mundo. Por lóxica xeográfica, correspóndenos a hora de Portugal ou Inglaterra, mais temos a mesma que Centroeuropa, o que provoca que, nalgunhas estacións, as nosas tardes sexan case interminables e os nosos solpores os máis serodios do continente.

Vou prescindir dos argumentos obxectivos: eu amo esta singularidade galega. Igual que á maioría dos nosos paisanos, non me gusta o troco deste sábado que recurta as tardes e os días; mais asúmoo a cambio de vivir esoutro intre expansivo no que a primavera semella dar un paso de xigante e a luz se agranda para encher as nosas vidas. Cando, alá por marzo, regresa a hora do verán eu sinto a ledicia dunha nena para a que as tardes de xogos e merendas son eternas.

Sexa como for, hai algo que non depende de decisións humanas, porque é esta bendita latitude na que se atopa Galicia a que nos proporciona o devalar dos días e o cambio das estacións e o declinar das cores da paisaxe. E, mesmo con esta luz minguante do outono, vibran coma nunca os ocres e os vermellos dos nosos bosques caducifolios e voan as follas amarelas cheas de beleza onírica. Suficiente para esquecer mesmo mirar o reloxo.