Cuestión de prioridades

María L. Sández

LUGO

14 sep 2021 . Actualizado a las 20:28 h.

O outro día, unha amiga miña, residente na Coruña, expresábase indignada porque un parque de xogos infantil permanecese pechado cando os “parques de xogos para adultos” -bares e locais de ocio, vaia- recuperaban os seus aforos. Ela pagara xa o prezo de que se suspendesen os procesos selectivos de profesorado en 2020, cousa que non entendía cando as restricións noutros sectores estaban lonxe da suspensión.

Eu comparto a súa sorpresa cando vexo que na universidade, malia apuntar cara á presencialidade, non se recupera de modo total, mentres na vida da rúa existe xa unha enorme relaxación. Pero a ninguén se lle escapa que estas aparentes incongruencias teñen unha explicación de fondo ligada ao funcionamento da economía. Así que cando se pensa na cuestión obviando ese aspecto, desde a lóxica das prioridades humanas, non se entende nada. Como ocorre co universo visible, que para entender o seu comportamento cómpre postular a existencia dunha grande cantidade de materia escura; así no noso día a día, o funcionamento do noso mundo é incomprensible se non partimos dunha economía dislocada respecto á lóxica das necesidades humanas básicas.

Así que podemos pensar que a educación é máis importante cás cañas; pero logo as accións van noutra dirección, porque parece que o que pode paralizar o noso mundo e esclerotizar as nosas engrenaxes económicas é o outro. Venme á cabeza unha boa metáfora que se empregou hai un tempo para cuestionar certos presupostos que cargaban as tintas na seguridade: que familia aforraría en libros e nos estudos dos fillos para mercar armas? É desas preguntas formuladas para que unha das respostas sexa imposible. E pola contra, a acción real vai a miúdo na outra dirección. Polo momento, os nosos universitarios teñen garantidas as cañas.