Se non ocorrese unha e outra vez semellaría imposible. Unha persoa adulta fala da violencia que sufriu moitos anos atrás e entón, desde o máis profundo abismo desa voz crebada, xorde unha marea imparable de voces que a secundan. Pasou co me-too e pasa agora cos abusos padecidos por nenos en diversos colexios dos maristas nos anos 60 e 70.
Existen numerosos mecanismos psicolóxicos que fan que as vítimas non sexan quen de verbalizar e transmitir a persoas de confianza o que padecen. A min sempre me custou comprender ese silencio; mais ocorreu na ximnasia rítmica, no mundo do cine, nos adestramentos deportivos e en institucións educativas e relixiosas, afectando, ademais, a xente de todas as clases. Os verdugos coñecen os mecanismos psicolóxicos para calar as vítimas e impoñen o seu silencio.
Arredor de nós, seguen a acontecer cousas incribles e arrepiantes. Houbo nenos roubados ata os anos 70, máis ou menos cando eu nacín. Lembro ter sorrido, con suficiencia, diante da desconfianza dalgunha muller da que sabía que parira na casa por medo a que lle cambiasen o neno e logo descubrín, abraiada, que a historia demostraba que o seu non era un temor infundado. E o mesmo acontece con estes casos. É indignante que se perpetren ás nosa beira crimes e abusos abominables sen que nos decatemos. Como os que sufríu esa nena que se suicidou e sobre a que a comunidade educativa declarou que nada lle constaba. Como nai e como docente paréceme unha cegueira intolerable. Cómpre transparencia, comunicación, superación de tabús, ruptura de xerarquías… Non pode ser doutro xeito. Non podemos normalizar o inaceptable.