Sagrario Fernández, traballadora social de Lugo: «Os maiores non deberían ser un negocio»

Félix Jorquera / L.L. LUGO / LA VOZ

LUGO

Sagrario Fernández coordina as xornadas sobre maiores e vivenda
Sagrario Fernández coordina as xornadas sobre maiores e vivenda ALBERTO LÓPEZ

Coordina as xornadas «Alternativas residencias para as persoas maiores: os coidados á pequena escala», que terán lugar o xoves 10 na Deputación

08 jun 2021 . Actualizado a las 12:03 h.

O Movemento polo Dereito á Vivenda organiza a xornada «Alternativas residencias para as persoas maiores: os coidados á pequena escala», que terá lugar o xoves 10 a partir das 16.00 horas no salón de actos da Deputación de Lugo. Os interesados en asistir poden anotarse en cultura@deputacionlugo.gal ou en dereitoavivenda@gmail.com. Sagrario Fernández, traballadora social e de saúde, é a coordinadora das xornadas, que presentou en Voces de Lugo, de Radio Voz.

-Como nace o movemento?

-Nace polas dificultades que hai de acceso á vivenda. Cada vez hai máis persoas vivindo na rúa, hai moitas persoas vivindo nunha vivenda que non é digna, e a pandemia evidenciou moito esta situación. Ademais, moitas persoas dedican o 30 ou o 40% do seu soldo á vivenda, e así non quedan cartos para educación, cultura...

-O foco destas xornadas son as persoas maiores.

-A situación de residencia e de vivenda alternativa das persoas maiores tamén falla na súa estrutura, están apartadas das zonas urbanas... e aos maiores gústalles estar en espazos tranquilos, pero socializados.

-Ollo cando as residencias de maiores se converten en negocio, non si?

-Efectivamente, é un problema moi grande porque as persoas maiores non deberían ser negocio.

-Quen intervén na xornada?

-Colexios profesionais de educadores, de traballo social, coidadoras, arquitecto, avogado, profesionais sanitarios...